luns 25.05.2020

Homenaxe a Erminda Miramontes

Chega o mes de marzo, con el a primavera; e para a Asociación de Gaiteiros Galegos a XXV edición do tradicional Xantar Gaiteiro. Co paso do tempo, este evento converteuse non só nun xantar, senón tamén nun punto de encontro para toda a xente que ten relación co baile e a música tradicionais do noso país. Con iniciativas deste tipo, pretendemos crear un punto de confluencia para as nosas asociadas e asociados, e por suposto tamén para aquelas persoas que inda non forman parte do noso colectivo, pero dun xeito ou doutro, tamén son partícipes do noso “ecosistema”.

Nestas XXV edicións, o Xantar Gaiteiro foi movéndose por diferentes vilas: A Coruña, Lugo, Lalín, Ourense, A Baña, Tui, Rianxo, entre moitas outras; tentamos sempre facelo dun xeito rotativo, para chegar a tódalas persoas interesadas en pasar un día de Foliada.

Por ser a nosa Asociación unha entidade viva, en debate construtivo continuo, e procurando escoitar as inquietudes e propostas da sociedade, decidimos dar un paso máis na organización desta cita anual; e dende hai uns anos, acompañamos o xantar cunha homenaxe a diferentes persoas ou colectivos que, para nós, deixaron e deixan unha fonda pegada no noso Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

Inda que xa en edicións anteriores fixéramos algunha homenaxe, foi no ano 2016 cando comezamos de xeito ininterrompido a poñer en valor alguén que nós consideramos importante dentro do baile e a música tradicionais. Ese ano foi homenaxeado o “Gaiteiro de Vilaverde”, Manuel Viqueira Vieites. Seguimos en 2017 en Rianxo, coa homenaxe dos Rosales de Asados, centrada nas figuras de Xosé Romero e Maruxa Miguéns. No ano 2018 decidimos levar o Xantar-Homenaxe a terras da Fonsagrada e alí darlle o merecido recoñecemento a varios gaiteiros da zona. No pasado ano, a cidade escollida foi Tui, onde recibiu o cariño de todas nós, Antón Corral.

Tal como mencionei anteriormente, a AGG é un colectivo vivo, en constante movemento, e que non dá as costas ao que a sociedade destes tempos require. Vimos dun 2019 no que o empoderamento da muller foi máis forte ca nunca, algo que tamén se traslada ao noso “mundillo”. Por iso, dende fai tempo, nas nosas actividades adoitamos ter por norma xeral unha forte presenza feminina. Organizamos as primeiras xornadas de “Tradición en Feminino” no concello de Mazaricos, continuamos no tempo co “Serán desta Aldea” en Mondariz, onde este ano as homenaxeadas foron as mulleres de Cernadela, e tantas outras actividades, onde a muller foi protagonista.

Por todo isto, decidimos que a homenaxe deste 2020 sexa dedicada a Erminda Miramontes. Muller pandereiteira e bailadora, natural de Ponte Grixoa, aldea que actualmente pertence ao Concello de Santiago, pero que con anterioridade pertencía ao desaparecido concello de Enfesta.

É moi coñecida pola xente que se dedica ao canto e ao baile tradicional. Pola súa casa pasaron e pasarán compiladores de tódolos lugares de noso país. Ela inda a día de hoxe e aos seus 89 anos segue recibindo no seu fogar a todo aquel que se achegue a preguntarlle se sabe algunha melodía das de antes, das que se tocaban nas Foliadas de Grixoa. Esas que se facían os domingos, logo de toda a semana de duro traballo no campo. Así era a vida do noso rural, duros días de traballo; pero tamén tempo para cantar e bailar. Grazas a esta asociación de traballo no campo con foliadas, seráns, ruadas ou polavilas, chegaron a nós multitude de melodías e cantigas, que se mantiveron vivas na memoria de informantes como Erminda.

O encontro deste ano terá lugar en Compostela, e pretendemos rodear a Erminda de moitas das persoas que foron a recollerlle eses tesouros, en forma de melodías e puntos que ela garda na súa memoria. Melodías que ela escoitou de nena e de moza, ao seu pai, ou nas foliadas, no campo, pero tamén recorda que algunhas as aprendeu dun par de canteiros que foron arranxar a igrexa de Grixoa, estes eran da Terra de Soutelo de Montes. Poño isto en contexto, porque a nosa protagonista participou na gravación do primeiro disco das Leilía, chamado do mesmo xeito. Nel, interpreta a canda elas unha xota ben coñecida que comeza: “Cando saín / de Soutelo / os meus / ollos eran / fontes Adeus / monte de / Soutelo / adeus Soutelo de Montes.”

Con este día festivo pretendemos homenaxear xunto con Erminda a tódalas mulleres da nosa tradición que gardaron no seu saber centos de melodías, cantos e saberes, que perdurarán no tempo grazas a súa memoria. Seguramente, e penso que non estou confundido ao dicilo, sen as mulleres, gran parte do noso PCI estaría xa esquecido.

Homenaxe a Erminda Miramontes
comentarios