Opinión

Visita real, normalizando a corrupción

A Juan Carlos, cando o sistema, nomeadamente polas informacións da prensa foránea, xa non puido agochar mais a súa escandalosa xestión como xefe do estado, fixérono abdicar. Un intento de crear un cortalume que buscaba impedir que as lapas afectasen a sacrosanta institución monárquica. Novas revelacións sobre a súa corrupta xestión viñeron  desbaratar a operación. Cantos máis dados coñece a poboación máis se desprestixia a monarquía. Novo intento de cortalume. O goberno e o seu sucesor recoméndanlle poñer terra por medio até que "as cousas se calmen" un pouco. Despexada pola fiscalía do Estado calquera posibilidade de axuizamento, co beneplácito do rei en exercicio, a complicidade dos partidos do réxime e dos donos dos medios de comunicación, valoran chegado o momento de iniciar a "operación retorno". Nada mellor para comezar a tentear o terreo que dar unha voltiña polos seus dominios. Coa prepotencia de quen se sabe intocable, sen reparar en gastos, avión privado, seguridade pagada con fondos públicos e a estancia polos seus agradecidos cortesáns de cabeceira, que seguro máis de un favor lle deberán. Como remate, entrevista secreta co xefe  de Estado, visita á súa real familia, da que nos informan, como  burla, que se autoexcluíu a raíña emérita oportunamente contaxiada por Covid e anuncio de nova viaxe.

Unha viaxe que deixa espida a podremia política e moral dos piares que sustentan o sistema democrático posfranquista. Aceitaron, impedindo calquera posibilidade de decisión popular, que fose o ditador quen decidise o seu sucesor, mentiron encubrindo perante anos as "falcatruadas" do monarca, e agora, cando xa non se poden ocultar, insisten en defender o indefendible en democracia, minimizan a gravidade da súa actuación, persisten na mentira tentando manter a imaxe de salvador da democracia a quen só foi o herdeiro de Franco, comisionista corrupto, defraudador da facenda, a quen amasou unha fortuna opaca valéndose do seu cargo.

Podremia moral e política dos partidos do réxime. Dereita e ultradereita, herdeiros políticos e ideolóxicos do franquismo do que nunca se desprenderon, agora con Feijóo a fronte, defendendo entusiastas o emérito e un deseño de sociedade desigual onde eximen de responsabilidade ao poderoso e piden castigo exemplar para o resto. O PSOE copartícipe decisivo na creación do mito da "transición modélica", cooperador na ocultación das demasías do monarca, republicano para a galería, pretende saldar a súa máis que evidente  complicidade na real viaxe, demandando explicacións, como se un "síntoo moito, non se volverá repetir" abondase para evitar responsabilidades. Un PSOE que, aliado con PP e Vox, se opón a calquera comisión de investigación ou a rematar coa impunidade real, que explicacións cre que debe dar o emérito? Sobre a orixe, contía e localización da súa fortuna? O seu papel no 23-F? Sobre que?

No medio do desolador panorama, convén resaltar a dignidade de forzas políticas nacionalistas, que como o BNG son quen de plantarse fronte a tanta servil indignidade.

A podremia dos propietarios duns medios de comunicación, que priman os seus intereses económicos e a súa ideoloxía reaccionaria sobre a información veraz e a transmisión de valores democráticos á sociedade. E con eles a maioría dos seus opinadores e xornalistas, reducidos á condición de voces do seu amo. O seu papel na ocultación, na xustificación ou na normalización do regreso do corrupto, querendo transformar o aplauso de catro aduladores en apoio masivo, como exemplo da degradación.

Seguro que ninguén, por moi republicano que fose, sairía defender a un presidente da República con un "currículo" como o do emérito. Os partidos e medios do réxime, non só defenden a monarquía, defenden a corrupción, a xustiza desigual, os privilexios dos poderosos, un modelo social e político no que todos eles obteñen maior ou menor beneficio, ao tempo que, para manter en pé o seu podre edificio, infectan a sociedade até facela incapaz de recoñecer os seus dereitos. Veremos até cando.

Comentarios