Opinión

De UE, desinformación e fascismo

E agora Meloni, o avance da ultradereita fascista en Europa semella imparable. Un máis que coñecido tertuliano sentenciaba: Meloni e os seus aliados gañan as eleccións porque en Italia hai moitos fascistas. E quedou tan ancho. Claro que alén de que haxa moitos fascistas, algún factor mais terá que estar influíndo nos pobos europeos para explicar o avance electoral da ultradereita de Suecia a Austria, de Francia a Polonia, que explique por que agora, e non hai uns anos, moitas persoas buscan solución aos seus cada día máis agudos problemas nesas formacións políticas.

É evidente que ao capitalismo, causante dunha imparable agudización da crise social, resúltalle funcional o fascismo como instrumento canalizador do desacougo que as súas políticas provocan nunhas clases populares que non atopan solución nos partidos sistémicos e nomeadamente nunha esquerda que renuncia a enfrontar a política do capital e, xa que logo, a  confrontación ideolóxica e a mobilización social.

É fulcral comprender que a UE foi creada polos Estados capitalistas basicamente como un espazo económico ao servizo das grandes corporacións

Sen tentar facer un diagnóstico o máis acertado posible das causas que están a provocar a deriva ultra é imposible propoñer alternativas políticas para tentar freala. E, sendo como é complexo o diagnóstico, no espazo que nos toca vivir é cando menos necesario analizar o papel que están a xogar nesta deriva a UE e as súas políticas e os corruptos medios de comunicación masiva ao seu servizo.

É fulcral comprender que a UE foi creada polos Estados capitalistas basicamente como un espazo económico ao servizo das grandes corporacións, e o demais adornos lexitimadores, incluído un Parlamento europeo, que ben cebado vive feliz aínda que nada determine nas políticas da Unión. Por moito que repitan os eurofanáticos de esquerda, a UE nin é democrática nin ten como obxectivo a cohesión social e territorial, nin é a campioa da defensa dos dereitos e liberdades, menos aínda dos dereitos das nacións sen estado, do medio ambiente ou da paz. Galiza ten experiencia dabondo, agora cun novo recorte do sector pesqueiro imposto sen nada que opinar. Só a cegueira ideolóxica pode impedir ver o evidente. As súas receitas, máis en tempos de crise, favorecen os beneficios das corporacións e agravan a crise social. Dependente das políticas dos USA, aposta polo gasto militar e a guerra. aínda que estea a resultar letal para os intereses de Europa. Comisión Europea ou BCE deciden políticas económicas, fiscais ou sociais antidemocraticamente, sen que os pobos teñan ningunha posibilidade de decidir. Unha UE xerarquizada, cun peso determinante de Alemaña e con moeda única, impide aos Estados manobrar de ter moeda propia ou tomar decisións políticas máis favorables para os intereses populares sen o permiso de Bruxelas, o que non fai mais que agravar o malestar social. E fronte a unha esquerda europea convertida en baluarte acrítico das políticas da Unión, tamén onde goberna, é a ultradereita quen denuncia, por máis que sexa máis aparente que real, as políticas da UE que os pobos perciben como lesivas e proclama o rearme dos Estados fronte a Bruxelas. Unha UE na que, polo demais, alén de  ameazas económicas, xa conviven sen problemas Estados con gobernos de ultradereita.

Non cuestionar o modelo capitalista e o seu brazo executor é tanto como poñer unha alfombra vermella ao avance da ultradereita

E neste contexto antidemocrático, uns medios de comunicación masivos que asfixian calquera disidencia co pensamento único, defenden as bondades da UE, implantan a censura en nome da democracia, como está a acontecer coa guerra na Ucraína, gravan a lume as "verdades" do capitalismo, branquean e dan voz ao fascismo e, sobre todo, constrúen unha sociedade acrítica, infantilizada, incapaz de pensar por si mesma en función dos seus intereses, capaz de aceitar con normalidade a limitación no exercicio dos seus dereitos e calquera idea ou consigna por absurda ou ilóxica que sexa.

Seguro que non é doado, mais non cuestionar o modelo capitalista e o seu brazo executor, a UE, enfrontar o imperialismo, defender a ultranza dereitos e liberdades, tamén das nacións sen estado, ou o dereito a unha información libre é tanto como poñer unha alfombra vermella ao avance da ultradereita.

Comentarios