Opinión

Transición modélica. Monarquía exemplar

Franco foi un sanguiñento ditador mais non parvo. Asegurouse de educar dende rapaz o seu sucesor “a titulo de rei”. “Instauración da monarquía, que non unha restauración” como repetían os voceiros do réxime, cunha finalidade clara, que todo “quedase atado e ben atado”.

Cando o réxime, coincidindo cos últimos anos de vida de Franco comeza a dar síntomas de esgotamento, froito, entre outros factores, das importantes mobilizacións populares que a brutal represión non conseguía frear e cunha xuventude farta de nacional-catolicismo, a grande burguesía enriquecida ao amparo do réxime considerou que un cambio, que non tocase os seus intereses, podía resultarlle útil. Comezan a mover ficha, morto o ditador, aceleran. A oposición política que se movía entre dúas correntes, “reforma” ou “ruptura” co réxime, foise pregando e aceitando a opción da reforma, para a que resultaron decisivos PCE e PSOE. Da decisión de reformar o réxime, o pacto co franquismo. Pacto no que a xefatura do “novo estado democrático” non se cuestionaba, sería a nomeada por Franco, Juan Carlos de Borbón. Só quedaba reconverter as camisas azuis, de Suárez a Fraga, en camisas brancas, deixar intacto o aparato policial, xudicial e militar da ditadura ou amnistiar asasinos e torturadores. Pactos da Moncloa para liquidar a forte reivindicación obreira e “café para todos” para eliminar o “feito diferencial” das nacións, como algún dos acordos complementarios. Foi o que chamaron Transición.

Unha Transición que os seus defensores, 45 anos despois, e contra toda evidencia, se empeñan en cualificar de modélica, mais que precisou e precisa, para soster esa falsa idea entre a poboación, de masivas campañas de propaganda e ocultación da verdade histórica, negación de calquera debate sobre a posibilidade de revisión das bases sobre as que se sustentou e sobre o papel xogado polo monarca, cabeza política do réxime do 78.

Anos de lavado e branqueo do papel dunha monarquía, cada día máis claro que cuestionable política e eticamente. Branquear a monarquía, branquear o infame pacto. O campechano, comodamente instalado como Príncipe na ditadura, sentado nos consellos de Ministros de Franco, cando o Estado español vende aos saharauis a Marrocos, ou fusila opositores, transformado milagrosamente pola propaganda masiva, nada menos que en “motor da democracia”, salvador das liberdades fronte aos golpistas do 23-F, a pesar do seu nunca ben aclarado papel no golpe e a “familia real” convertida “nunha mais”, xa que logo cos mesmos problemas e dificultades que calquera outra. Na construción do falso relato é determinante a esquerda española que nun exercicio de cinismo político, esquece o seu republicanismo e afirma non ser monárquica senón “juancarlista”. Un falso relato ao que agora semella sumarse tamén Podemos.

Días atrás soubemos algo máis da “exemplaridade” do Borbón. O xefe de Estado durante decenios está a ser investigado en Suíza por escuros movementos nunha das súas opacas contas bancarias. Transferencias millonarias dos saudís, transvases de millóns de euros a contas de ex amantes. Un escándalo político, que, como sempre, os grandes medios de comunicación reduciron a noticia menor e silenciaron rapidamente. Non é a primeira vez que teñen aparecido noticias sobre o seu, e o da súa familia, apetito polos cartos , ou sobre as súas “amizades perigosas”, de la Rosa a Colón de Carvajal. Hai razóns para crer que non só amasou unha fortuna durante o seu reinado, senón que a mantén oculta ao fisco, defraudando a unha Facenda implacable con quen menos ten. Mais a pesar de todo, segue a ser intocable, a prensa cala, PSOE, PP e cía. impiden calquera posibilidade de investigar sobre o papel político e as actividades económicas do emérito.

E así pretenden seguir, mantendo o mito dunha transición modélica, unha monarquía exemplar. Derrubar o mito, ampliar dereitos e liberdades de pobos e nacións, segue a ser o reto.

Comentarios