Opinión

Rumbo colisión

Seguro que a culpa é miña, mais teño que recoñecer que non os dou seguido. Semella que quen nos goberna puxo rumbo colisión e non só se empeña en non varialo, senón que pon o barco a toda máquina. Nada importaría que afundise se no barco só fosen eles e a elite que representan, o malo é que no barco imos nós e, como no Titanic, xa sabemos para quen serán as lanchas salvavidas.

O panorama político, económico ou social do Estado español é aterrador, e o que é peor, non ten trazas de mellorar. Coa epidemia da Covid-19 como pano de fondo, a españolidade trasnoitada como alicerce no que todo o sustentan, o franquismo inxectado en vea no aparato de Estado e unha notoria debilidade estrutural, o Goberno central e a maioría dos autónomos amosan a súa incapacidade, incompetencia e falla de vontade para cambiar o rumbo.

A epidemia avanza e, máis alá dos efectos sobre a saúde e a vida, agudiza a crise económica con epicentro no hipertrofiado sector servizos

Incapaces de tomar medidas que impliquen aumento do gasto, a epidemia avanza e, máis alá dos efectos sobre a saúde e a vida, agudiza a crise económica con epicentro no hipertrofiado sector servizos, mais non só. Como exemplo, o esperpéntico cumio Sánchez-Ayuso. Após meses trampeando os datos é imposible ocultar xa que Madrid supura coronavirus polos catro costados. Envoltos nas bandeiras non se lles ocorre máis que crear unha comisión de coordinación e volver recorrer a militares e policías. Inutilidade marca España en estado puro.

Sucédense os escándalos políticos. O réxime cheira a podre. Corrupción, degradación moral, que tamén afecta a maioría dunha sociedade, paralizada, indolente ante tanto atropelo, narcotizada polos grandes medios de comunicación. Ex ministros sentándose nos consellos de Administración de empresas que pagan así os servizos prestados. Utilización do aparato policial para destruír adversarios ou forzas políticas democráticas e tapar a corrupción de M. Rajoy e do PP. Dirixentes como Feijoo branqueando a corrupción e proclamando o emérito fugado “fillo ilustre” ou mentindo sobre os recursos para combater a epidemia. O monarca e a cúpula xudicial “amotinados”. A inhabilitación do president Torra decidida.

Neste contexto, agrávase a situación social, paro, precariedade, baixos salarios, traballadores sen dereitos en réxime xa de semiescravitude, onde o patrón fai e desfai ao seu antollo

No medio do lodo bracea o goberno PSOE-PODEMOS “o máis progresista da historia” . Que a estas alturas nin sequera teña presentado un proxecto de orzamento, nin decidido pactar coas forzas políticas que fixeron posible a investidura, expresa a confusión e desorientación política no que está instalado e tamén a renuncia a enfrontar os poderes reais da España eterna. Non será con homilías ocas, promesas, chamadas a acordos imposibles como se cambiará o rumbo de colisión, algún prato haberá que romper, algún poder terá que enfrontar.

Neste contexto, agrávase a situación social, paro, precariedade, baixos salarios, traballadores sen dereitos en réxime xa de semiescravitude, onde o patrón fai e desfai ao seu antollo. E fronte a esta situación, o Goberno Sánchez e a súa ministra de Traballo pregoan acordos froito do “diálogo social” coa gran patronal e as súas marionetas sindicais. Mais o problema de fondo non se aborda, a prometida derogación das contrarreformas laborais. A consecuencia é que as ETT seguen a ser as raíñas do “mercado” laboral, as empresas impoñen horas extra en xornadas esgotadoras, ou non respectan o dereito ao descanso, a súa conveniencia. Inaceptables condicións que moitos traballadores se ven na obriga de aceptar.

Feijoo, o noso Ayuso, nin bracea, máis ben goza nunha situación que comparte e defende. Lévanos contra os cons cunha xestión que no canto de amortecer agrava os problemas económicos e sociais da Galiza. Tanto ten, os espelliños máxicos repetirán que é o máis guapo, o mellor xestor, un galáctico capaz de pulverizar récords nas audiencias reais, ante un auditorio cegado polo reflexo da luz. E menos mal que Corea do Norte non conseguiu roubarnos a fórmula do escabeche.

Comentarios