Opinión

De renuncias, indultos e diálogo

Oenorme movemento popular a prol da independencia de Catalunya xerou grande ilusión dentro e unha importante corrente de simpatía fóra. Forzou a reorientación das forzas políticas catalás a prol da independencia. Puxo contra as cordas, por primeira vez en decenios, a un réxime monárquico sen máis resposta que a represión policial, xudicial e política. Quedou clara a aposta pola independencia de millóns de cataláns que foron votar a pesar da fortísima represión policial. Menos claro está o papel xogado pola dirixencia independentista nas datas previas e posteriores ao 1-O.

O Goberno español, co inestimable aval do groso da gran patronal e da xerarquía católica, vén de indultar as e os nove presos políticos cataláns impulsores do referendo. Indulto, que non amnistía, parcial, que non incondicional, mantén a súa inhabilitación para exercer calquera cargo público, reversible se cometen un "delito grave". Aínda así a saída do cárcere das e dos presos políticos é motivo de alegría, fixérono con dignidade, reafirmándose nas súas ideas, vivíndoo como un triunfo fronte ao Estado e, de paso, enervando aínda máis o "trío de Colón". 

É de supoñer que Sánchez non se tiraría á piscina se non pensase que hai, cando menos, algo de auga. Quen apoiou sen fisuras a Rajoy na aplicación do 155, a represión, o inaceptable parcial discurso do monarca, ou prometeu o cumprimento íntegro das penas impostas polos tribunais, non tería tomado a decisión sen ter previamente chegado por debaixo da mesa a acordos non só coa patronal, senón tamén , cando menos, con parte do independentismo catalán. Manter no cárcere as presas e presos políticos era un obstáculo insalvable para xustificar e iniciar calquera intento de reconducir o conflito pola vía do diálogo. Tentar aliviar a deteriorada imaxe democrática da "marca España" no espazo europeo seguro que tamén pesou, após as imaxes da brutal represión do 1-O, o espantoso ridículo da xustiza española nos seus intentos de extraditar as e os exiliados, nomeadamente Puigdemont, ou o contundente informe do Consello de Europa que xustamente reclama excarcerar as e os presos, retirar as euroordes e reformar o delito de sedición. A operación, que se podería complementar baixando o pistón da represión xeneralizada, pretende "comezar de cero", é dicir, dar por finiquitado o procés, dividir e debilitar o independentismo social , impedir calquera posibilidade práctica de avanzar cara a independencia, cando menos durante uns anos, afastando a pantasma do principal elemento desestabilizador do réxime monárquico do 78.

Para que esta operación de Estado teña éxito é imprescindible a cooperación das forzas políticas independentistas. As declaracións de Junqueras renunciando explicitamente á "vía unilateral" e apostando polo diálogo co Estado abren paso a unha nova estratexia. A dirixencia política do independentismo xa fixou a súa proposta. Amnistía, referendo de autodeterminación acordado e dous anos de prazo para conseguir ese obxectivo. Sánchez terá que explicitar cal é a súa, até o de agora descoñecida. A partir de aquí veremos realmente cales son os límites aceptables polos negociadores para o acordo se chega a concretarse.

O acordo sobre a base da proposta independentista semella imposible. Por un lado o Estado español é o que é. Si difícil, aínda que non imposible, é crer que acepte a amnistía e, xa que logo, recoñeza que quen impulsou o 1-O non cometeu delito ningún, un referendo de autodeterminación acordado semella quimera, agás que o réxime colapse. Polo outro, negociacións interminables ou tentacións de acordos de corte "autonomista" estarán condicionados pola posición que adopte o movemento popular independentista e as súas organización de base.

E a min que non creo posible un pacto que inclúa amnistía e autodeterminación cun Estado que non só non recoñece a súa realidade plurinacional, senón que fai todo o posible por esmagala, só me queda a esperanza de equivocarme. Que así sexa. Teriamos gañado democracia e liberdade. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios