Opinión

Preocupantes consecuencias dunha guerra evitábel

Mais alá do desastre que supón, detrás da guerra na Ucraína, algo sucede que non nos contan. Aínda así semella evidente que, no marco da crise do modelo globalizador capitalista, EEUU  consciente de perder pé, ve na guerra que alentou e prolonga, unha oportunidade para dar un golpe de man, tentar mudar a situación ao seu favor, custe o que custe. Esmagar economicamente a Rusia, colocar na diana ao seu grande competidor, China, acabar con calquera veleidade de política independente da UE "liberándoa" da dependencia rusa. Favorecer o negocio da súa enorme industria militar, agudizar a dependencia europea das súas exportacións agrícolas e enerxéticas, é xa ben visíbel. A submisión absoluta dos dirixentes dos Estados europeos tamén. Biden presidindo dunha tacada a OTAN o Consello Europeo e o G-7 como constatación. As consecuencias económicas para os pobos, nada lles importan, simples "efectos colaterais", peaxes necesarios a pagar para defender o "mundo libre".

Mais alá da inaceptábel invasión, a virulencia das sancións económicas a Rusia, nunca aplicadas a ningún estado invasor por ninguén, só son explicábeis nesa estratexia. O papel da Rusia capitalista actuando como contrapeso de EEUU no escenario mundial apoiando a Siria, as bloqueadas Venezuela ou Cuba ou aliándose con China debe ser cortado de raíz.

A  necesidade de  controlar un relato que saben falso explica a liquidación da liberdade de expresión impoñendo unha férrea censura sen precedentes. Conectados a Washington os medios de comunicación transmiten en cadea a única "verdade", as voces críticas siléncianse acusadas de "putinismo".  Alarma comprobar con que naturalidade e submisión gobernos "democráticos", medios e xornalistas aceitan a censura. Nin a detención do xornalista Pablo González en Polonia os move do guión. A liquidación da liberdade de información é outra consecuencia, seguro que nefasta no futuro.

Unha batalla na que todo lles vale. Do apoio consciente a movementos fascistas a visualizar o racismo do "mundo occidental" no tratamento dos refuxiados segundo a orixe e cor da pel. Como consecuencia, un mar de chapapote moral e político no que afogan a democracia, a liberdade e os dereitos dos pobos.

E neste marco un Estado español  de opereta, exerce o seu papel de segundón e exhibe as súas debilidades. O goberno PSOE-Podemos dálle prioridade a compracer a USA sobre a defensa dos intereses dos gobernados. Pedindo permiso aos 'mandamáis' da UE para ser "illa", rogando a eléctricas e petroleiras que rebaixen un pouco as súas obscenas ganancias, paralizado perante semanas para tomar medida algunha que frease un alza de prezos imparábel e inasumíbel. Tarde, adopta medidas parciais, que se revelarán ineficaces ante unha suba de prezos, que pon contra as cordas a persoas e empresas nunha cadea infernal que veremos como evoluciona no futuro. A dereita ao seu, con Feijóo como nova estrela facendo demagoxia, xogando a dúas bandas, enganando a xente, apoiando entusiasta o ardor guerreiro do goberno, criticando as consecuencias das que é corresponsábel.

Neste mar de chapapote, sen dúbida coa aprobación do monarca, o beneplácito do PP e a ultradereita e a satisfacción de EEUU, saltándose as resolucións da ONU, o PSOE abandona ao pobo saharauí, acepta a ilegal ocupación militar do Sáhara Occidental pola "democracia" marroquí. Por se alguén aínda non o ten claro, unha nova evidencia de que non é a defensa da democracia e a liberdade dos pobos a que move a actuación dos ianquis, nin dos Estados lacaios como español, só defenden intereses.

Quen invadiu Iraq ou Libia provoca pobreza bloqueando estados non submisos, apoia ditaduras ou guerras no mundo enteiro ou vulnera os dereitos do seu propio pobo, non pode ser o faro que oriente o que temos que pensar. Non fai falla ser defensor de Putin para comprender que na guerra na Ucraína se están a xogar intereses que nada teñen a ver cos dos pobos. E a pesar do bombardeo mediático, fronte a covardía intelectual e política, pensar e actuar con independencia é a última esperanza.

Comentarios