Opinión

Patadas

Vivimos nunha democracia tan “plena”, tan “avanzada” que abonda a acusación dun policía, sen proba ningunha que a acredite, para que un tribunal condene a calquera. Tamén a un deputado no Congreso do Estado español. O acontecido co xa exdeputado Alberto Rodríguez é dunha gravidade extraordinaria. A unha lexislación vixente represiva coa disidencia política, súmase a interpretación ideolóxica dunha “xustiza patriótica”, a cada paso máis envalentonada, espoleada pola dereita e cunha esquerda gobernante que achanta ou aplaude ante decisións arbitrarias dunha xustiza preñada de franquismo e españolismo, cuestionadas por moitos e moitas xuristas, e tamén pola razón de calquera demócrata. Que a presidenta do Congreso e o PSOE, aínda co informe favorábel dos letrados das Cortes, non fosen quen de plantarse ante a máis que discutíbel, xurídica e politicamente, decisión de Marchena, ou a máis que tépeda e confusa reacción de Unidas-Podemos fronte ao atropelo, a falla de apoio ao seu deputado, nomeadamente de Díaz e Garzón, pon de manifesto a degradación política da esquerda e da democracia no réxime do 78. 

Abonda de tanta hipocrisía, de tanta submisión, de tanta aceitación dunhas resolucións xudiciais, que por descontado a dereita cuestiona cando por casualidade son contrarias aos intereses que defende, e aí está Feijoó e o PP para demostralo tratando de burlar administrativamente a sentenza sobre a permanencia de Ence en Lourizán.

Abonda de submisión e tamén de inacción dunha esquerda gobernante que mantén vixentes leis represivas absolutamente inaceptábeis en democracia 

Abonda de submisión e tamén de inacción dunha esquerda gobernante que mantén vixentes leis represivas absolutamente inaceptábeis en democracia ou non enfronta a batalla por reformar a fondo e democratizar un poder xudicial que non disimula a súa ideoloxía e actúa en consecuencia con absoluta parcialidade.

Chove sobre mollado. Agora, por unha presunta patada a un policía, un representante, esta vez, da “soberanía popular española” é expulsado do seu escano. Sentenza política que só buscaba o castigo político. Antes meteron no cárcere a Otegui após un xuízo logo anulado pola xustiza europea, ou aos mozos de Altsasu por unha pelexa de bar con gardas civís de copas, ou a dirixentes cataláns por votar o que non debían, ou a rapeiros por atreverse a expresar en voz alta o que moitos e moitas pensan, a sindicalistas por defender os seus dereitos, ou inhabilitaron a Torra por unas pancartas, igual que multan a miles de persoas anónimas por tentar exercer os seus dereitos, incluso os lingüísticos, como acaba de acontecer en Boiro. Atropelo tras atropelo saldado co aplauso ou a equidistancia do aparato político-mediático maioritario é, como consecuencia, de parte importante da sociedade.

Patada a patada a degradación da democracia no Estado español é mais que preocupante. A esquerda española ten o goberno, mais é evidente que está a ser a dereita política e xudicial quen leva a batuta, marca o rumbo, estabelece os límites do aceitábel, incluídas que ideas e forzas políticas democráticas son lexítimas ou non. A esquerda española , no canto de enfrontala con toda claridade dando a batalla política e ideolóxica na sociedade, vai a remolque, esconde a cabeza baixo a asa, normalizando na sociedade o absolutamente anormal. Choiva ideolóxica unilateral e persistente que inevitabelmente cala na conciencia de importantes sectores sociais incapaces xa de perceber que a limitación das liberdades ten o seu correlato na limitación dos seus propios dereitos. Canto máis cativa é unha democracia, máis cativos son os dereitos de todos e todas. 

Patada a patada a degradación da democracia no Estado español é mais que preocupante

Non semella doado modificar a curto prazo unha realidade cada día máis degradada e putrefacta, e, porén, é absolutamente necesario. Unha sociedade sen sólidos valores democráticos, consciente dos seus dereitos e, xa que logo, disposta a defendelos , é unha sociedade mais vulnerábel, manipulábel, incapaz de defenderse nin sequera ante o saqueo dos seus bolsos. Unha tarefa que na Galiza non en exclusiva mais si basicamente está a facer o nacionalismo. E visto o visto, terá que seguilo a facer.

Comentarios