Opinión

Pandemia e política

O coronavirus contribuíu a desvendar as debilidades estruturais económicas, políticas e sociais do réxime do 78

A evolución da epidemia no Estado e na Galiza é a peor de toda Europa. E máis alá de que hai que asumir responsabilidades individuais, algo máis que o comportamento persoal dunha minoría está a fallar. É evidente que as medidas tomadas até o de agora son insuficientes, como evidente é que son necesarias medidas de fondo que implican gasto ou reformas que fagan reais e eficaces as competencias das nacións. E a debilidade estrutural política e económica do Estado é o obstáculo que o condiciona todo.

CCAA xestionando a crise, na maioría dos casos con gobernos inútiles, mais tamén con competencias de quita e pon, tan ficticias que até un xuíz pode invalidar as súas decisións. Cunha estrutura produtiva co sector servizos hipertrofiado, ultravulnerábel nesta situación. Con Bruxelas vixiando que se manteña a "política de austeridade" controlando o gasto público e a regresiva política fiscal e o Goberno e a maioría da oposición aceptando. Co réxime do 78 en crise de lexitimidade permanente onde nada menos que un dos dous reis se fuga co apoio do propio Goberno.

Un contexto político e económico que explica por que os Gobernos non toman medidas que moitos cren imprescindíbeis para conter a epidemia. Esgotada a utilidade do confinamento derivado do estado de alarma, imposíbel de soster eternamente e utilizada a fondo polo Goberno Psoe-Podemos en chave españolista, pouco máis. Autoaplausándose por obter da UE, como antes Rajoy, crédito en "condicións vantaxosas", mais aceptando a "política de austeridade" que está detrás dos recortes dos servizos públicos no pasado e as deficiencias no presente, ou a non derrogación da Lei Montoro. Fiando as imprescindíbeis melloras da situación laboral ao "diálogo social" e, xa que logo, ao que é aceptábel para a gran patronal, suspirando por pactar os orzamentos coa dereita e manter así as directrices de Bruxelas, mendigando polas chancelerías europeas a chegada de turistas por máis que saben que é contraditorio co control da epidemia. Un Goberno central debilitado incapaz de saltar os límites impostos polo poder económico.

Feijóo ao seu, é dicir, a nada. No estado de alarma viviu feliz como unha perdiz instalado como comentarista no plató que se construíu na TVG. Agora ao mando, co virus propagándose veloz polo país, segue tranquilo. Invita os turistas, reparte cheques de 250 euros aos sanitarios, reproduce medidas e ocorrencias no DOG e insta os concellos a que as cumpran e asuman o custo económico, demanda ao Goberno central protocolo para a volta ao cole co que ocultar a súa inoperancia. De cando en vez quéixase de falla de competencias que nin quixo antes nin esixe agora ou inventa un equipo de 6.000 rastrexadores que só existe no seu fértil maxín. Namentres prosegue o deterioro, cada día máis demoras na Atención Primaria, da hospitalaria nin sabemos, a orixe dos focos un misterio, as PCR asegún, as residencias de vellos sen esperanza de mellora. Claro que sempre queda encomendarse a "Santiago Matavirus".

Controlar mellor a expansión do virus esixe cambios de políticas e vontade de aplicalas. Dende competencias efectivas para as CCAA a equipos de rastrexo, capaces de localizar e illar os focos con rapidez, PCR suficientes, reforzo de medios humanos e materiais na sanidade ou no ensino públicos que permita un retorno ás aulas cun mínimo de seguridade, fin do modelo de residencia-almacén de vellos, atención á poboación máis pobre, máis vulnerábel ao contaxio, inmigrantes incluídos etc. esixe aumentar o gasto público, cambiar a política fiscal, ou priorizar aforrando no innecesario ou non urxente como o gasto militar.

O coronavirus contribuíu a desvendar as debilidades estruturais económicas, políticas e sociais do réxime do 78. Haberá quen sosteña que nada ten a ver co control da epidemia. E, non obstante, sen corrixilas, insistindo no mesmo para ir tirando a espera dunha vacina eficaz terá un custo para a vida e a saúde tan evitábel como inaceptábel.

Comentarios