Opinión

OTAN, brazo armado do imperio

Xúntanse  en Madrid os dirixentes dos Estados capitalistas, non "occidentais", que forman parte da OTAN baixo a presidencia do emperador de quenda. Unha onda de propaganda acompaña ao evento. Autoproclamándose defensores da democracia e o mundo libre, advírtennos dos enormes perigos e ameazas das que non somos conscientes e que o inefable ministro Albares nos descubre "veñen do este" e, xa que logo, da necesidade inevitable de aumentar o gasto militar. Se o cremos, a OTAN é unha inocente e imprescindible alianza defensiva, garante da nosa seguridade e progreso que os "malos do mundo" nos queren arrebatar.

Como os feitos demostran, nada que ver coa realidade. A OTAN nin é defensiva, nin baluarte da defensa das liberdades, nin pretende defender o noso benestar. A OTAN simplemente é o brazo armado dun imperio, USA, en decadencia, que se resiste a ver desaparecer un mundo unipolar no que reinou décadas, o que por certo o volve mais agresivo e perigoso. Non por acaso insisten en sumar mais estados á organización, agora Suecia e Finlandia, senón que a presenza no cumio de países asiáticos como Xapón ou Australia amosan a súa vocación de reforzar o seu papel de xendarme mundial.

Non defenden a democracia e as liberdades, só os intereses económicos do gran capital. Alardean de defender dereitos democráticos que non garanten moitos dos seus estados membro. Do dereito ao aborto ao das minorías raciais ou colectivos LGBT, do dereito á autodeterminación ao dereito a representación política de importantes sectores sociais excluídos por sistemas electorais máis que discutibles. Onde se marxinan medios e xornalistas críticos co pensamento único, cando non se perseguen con saña como acontece con Julián Assange ou Pablo González, preso en Polonia acusado de espía. Menos aínda lles importa a democracia no planeta, promoven golpes de estado, de Bolivia a Brasil, ou se alían con cantas ditaduras existen sempre que sirvan aos seus intereses.  

Non hai defensa da liberdade cando a súa política imperial e as súas guerras condenan a continentes enteiros á pobreza extrema, ao tempo que levantan muros para impedir que as persoas excluídas accedan ao seu territorio. De Johnson pagando ao goberno ruandés para exportar negros como se exporta lixo, a Sánchez vendendo os dereitos dos saharauís a cambio de que a policía marroquí participe na represión salvaxe de persoas as que pouco mais lles queda por perder que a vida, como últimos exemplos. Ver palla en ollo alleo e ocultala no propio.

Nin a OTAN ten nada de defensiva. Como tal ou baixo a fórmula de "coalición aliada" dos USA, con escusas ad hoc, fan a guerra como medio para impoñer o seu dominio. Iugoslavia, Iraq, Libia ou Afganistán padeceron as consecuencias, por máis que, cinicamente, nas súas guerras, nin hai civís mortos, nin crianzas orfas, nin torturas, nin anciáns indefensas, nin millóns forzados a emigración, nin destrución de cidades ou fábricas; só "efectos colaterais". Nin agora na guerra en Ucraína, por máis que fose Putin quen invadiu o país, é imposible negar que na orixe do conflito está a alongada e escura man de USA; non ver que é USA-OTAN quen está a guerrear con Rusia, sostendo con envíos masivos de armas e miles de millóns de euros a prolongación da guerra, impedindo calquera posibilidade de acordo e bloqueando a economía rusa cun obxectivo que nin se molestan en ocultar, desangrar a Rusia, debilitar un aliado non menor de China, xa no seu punto de mira.

Nada de defensa do benestar dos pobos. Se alguén está a pagar as consecuencias da súa insensata política son os pobos, ameazados pola fame uns, espoliados todos cunha alza de prezos, non compensada con mellores salarios ou pensións e unha redución do gasto social derivado ao militar e que non corrixirán ocorrentes "paquetes anticrise" como os de Sánchez-Díaz. Se alguén sae beneficiado da súa política son os seus primeiros defensores, as grandes corporacións en xeral, USA en particular.

Así que, por moito que insistan, na OTAN non está a solución, está xustamente un dos problemas.

Comentarios