Opinión

De oportunidades e renuncias

O Goberno PSOE-Podemos conseguiu aprobar a nova lexislación laboral. Sen "cambiar unha coma" como esixiron os que mandan, CEOE e UE. Sen permitir que se debatese e mellorase no Congreso en beneficio de traballadores e traballadoras. Para conseguilo recorreron a apoios seica "non desexados". Hipócritas, terían aceitado o apoio do PP se Casado non estivese instalado na estratexia do non a calquera proposta do Goberno, agás por suposto cando hai que defender ao emérito corrupto ou apoiar aos EEUU nas súas guerras imperiais.

Por se non estaba claro, a microrreforma do Goberno volve evidenciar cal é o significado real do tan aplaudido "diálogo social". Renunciando a mobilización popular a prol da conquista de melloras, excluíndo a forzas sindicais maioritarias na Galiza ou Euskadi, os autoelixidos, en segredo, fóra dos focos, limítanse a aprobar o que é aceptábel para a patronal. Tamén a prevalencia dos convenios estatais sobre os autonómicos ou provinciais. Non só por españolidade, saben ben que é un marco mais favorábel para os seus intereses.

Metida a derrogación nese corpiño, o resultado non podía ser outro. E non se trata de menosprezar calquera avance por mínimo que sexa. Cando loitas por un obxectivo e non o alcanzas porque a correlación de forzas non é favorábel, benvido sexa. Mais é evidente que este non é o caso.

Aínda dando por boa a tese do Goberno sobre os beneficios que a nova lexislación terá para traballadores e traballadoras, que o tempo demostrará moito menor do que afirman, só dende o fanatismo político ou a aceptación acrítica das masivas mensaxes mediáticas favorábeis á proposta gobernamental é posíbel defender como un avance o que só é unha claudicación. E faría ben en reflexionar quen, de boa fe, segue a apoiar a falcatruada. E inaceptábel dar por bo o incumprimento da promesa de derrogar a reforma Rajoy, é falso que non fose posíbel facelo, como falso é que esteamos ante un primeiro paso a espera de novos avances, ao contrario, é a renuncia explícita a intentalo, é a consolidación definitiva do groso da regresiva e lesiva lexislación laboral.

Unha renuncia, unha claudicación da que son perfectamente conscientes Sánchez, Díaz ou os monicreques sindicais. O seu obxectivo nunca foi recuperar dereitos de traballadores e traballadoras, o obxectivo foi ter contenta a patronal e a UE, garantir os "fondos europeos". Sánchez e Calviño felices como perdices conseguen o que perseguían. Yolanda Díaz, CCOO e UGT fan o traballo sucio. A patronal aplaude a súa vitoria.

Neste escenario é Yolanda Díaz e Podemos quen quedan mais desairados. Non por acaso, e co concurso da súa mediática afín, se  empeñaron a fondo en conseguir como fose o voto favorable de ERC, BNG ou Bildu. Con un argumento tan débil como falaz. Non apoiar a proposta do Goberno é manter a lexislación do PP, é prexudicar a millóns de traballadores e traballadoras. Conscientes de que o apoio da esquerda nacionalista era imprescindíbel para dar credibilidade á súa posición, conscientes tamén de que o voto en contra, como así foi, deixa mais en evidencia a súa claudicación.

Fronte á propaganda a realidade. O groso da lesiva lexislación laboral de Zapatero-10 e Rajoy-12 consolídase sine die. Sen apenas custe, a patronal, coa renuncia de PSOE-Podemos, consigue afastar a pantasma da derrogación. Razón teñen para estar contentos. Mais unha vez, outra oportunidade perdida.

A esquerda española, vella ou nova, reincide no seu histórico comportamento político. Promete. No Goberno, incumpre, adaptase ao marco establecido polo poder. Como moito, cambios cosméticos que non de fondo que acaban frustrando as expectativas xeradas nos seu electorado. Como consecuencia, o capital consolida posicións, a maioría social perde dereitos a mans cheas, a dereita ultra avanza.

Abonda de chantaxes. De ter que elixir entre pobreza ou miseria. Segue a ser necesario recuperar dereitos laborais perdidos. A rebelión fronte ao conformismo. Porque renunciando ao debate ideolóxico, á mobilización social, deixando pasar a oportunidade cando son posíbeis mudanzas, camiñamos como sociedade cara ao abismo.

Comentarios