Opinión

Monicreques suicidas

O seguidismo dos dirixentes das autodenominadas "democracias occidentais" a respecto de EEUU non é novidade. Defensores do sistema capitalista, copartícipes da explotación colonial dos recursos de moitos países, están unidos por lazos ideolóxicos. Mais, non hai tanto, ese seguidismo non impedía que algúns dos Estados máis fortes dese "occidente" practicasen certa independencia de criterio si os seus intereses non coincidían exactamente cos do Imperio. Tamén a nivel político e mediático, as súas aventuras provocaban críticas e desacordos con contestación de sectores importantes da sociedade.

Nos últimos anos foise producindo un cambio notable co imparable proceso de submisión total destas "democracias" aos intereses ianquis. De abandonar o nunca excesivo apoio á causa palestina a disparates como proclamar a Guaidó presidente de Venezuela porque así o ditaba EEUU, até agromar, co detonante da guerra Rusia-Ucraína, nun apoio sen fisuras as directrices USA no que participan entusiastas gobernantes, partidos de "esquerda", medios de comunicación e institucións. Malia a evidencia de que os feitos demostran teimudamente que da prolongación dese conflito os grandes beneficiados son os EEUU e os prexudicados os seus pobos e economías, insisten como monicreques suicidas.

Atrás quedan os tempos nos que fronte as agresións imperialistas a Vietnam, Cuba ou Nicaragua, fronte ao xenocidio do pobo palestino polo estado sionista, a ameaza nuclear ou a invasión de Iraq había unha contestación social á que contribuía unha certa liberdade de opinión, hoxe esmagada, e unha participación, maior ou menor, desa esquerda que hoxe aplaude a OTAN, promove o gasto militar a costa das necesidades sociais, abandona á súa sorte o pobo saharauí ou cala fronte aas guerras en Siria ou Iemen.

Vasalaxe que inevitablemente se está a acompañar do avance da putrefacción moral e política que todo o invade, á que inevitablemente contribuímos cando temerosos fuximos da confrontación, caldo de cultivo do avance da ultradereita. Dun Parlamento europeo tan inútil como degradado, declarando a Rusia "estado terrorista", algo que nin o Congreso USA fixo, a un goberno español "megaprogresista" amosando un fervor otánico que non son quen de superar PP ou Vox. Co terreo abonado por unha mediática que, cunha parcialidade que insulta a intelixencia, difunde a versión Zelenski dunha guerra onde Rusia seica bombardea a central nuclear que ocupa ou destrúe os seus gasodutos, capaz de transformar a guerra OTAN-Rusia en solo ucraíno nun conflito entre o mal, a Rusia sin liberdades, e o ben, a Ucraína onde con toda a oposición ilegalizada e o nazismo incrustado no exército e as institucións, luce unha radiante democracia. Putrefacción imparable na que xa se normaliza que goberno e medios abandonen á súa sorte a Pablo González, xornalista español detido arbitrariamente durante meses, sin probas nin xuízo, na democrática Polonia, a censura no Congreso ao deputado Rego por expresar a súa lexítima opinión política sobre a monarquía, ou se silencie impunemente a opinión de Ana Pontón nunha televisión simplemente por non coincidir co ideario reaccionario da condutora do programa.

Malos e perigosos tempos para a democracia, a paz e os dereitos dos pobos que malia as evidentes dificultades hai que combater. Independizarnos da política USA é imprescindible, cuestionar o interese ianqui por manter un mundo unipolar e apostar polo multilateralismo, por relacións internacionais en pé de igualdade, cuestionar as guerras e apostar pola paz é vital. Defender a democracia, a soberanía e os dereitos das clases populares fronte aos escuadróns kamikazes que nos gobernan é de sentido común.

E para iso é necesario independizar as nosas mentes, deixar de bailar ao son da propaganda mediática e actuar, na medida das nosas posibilidades, a favor de nós mesmas. Porque vale que esteamos nas mans de monicreques suicidas, mais mellor que non nos arrastren con eles.

Comentarios