Opinión

Leccións orzamentarias

Estamos en pleno debate de orzamentos do Estado para 2021. Nos orzamentos  materialízanse as liñas mestras de actuación, as prioridades  dun determinado goberno no económico, no social e tamén no papel que reserva a cada “territorio” no deseño de Estado. Máis unha vez Galiza volve saír trasquilada. Co agravante de que nun contexto de incremento do investimento previsto, para o noso país baixa. Chove sobre mollado. Goberne quen goberne en Madrid, Galiza nin foi nin é prioridade. Como consecuencia non damos saído do furgón de cola. 

E inevitable preguntarse por que pasan os anos e, con independencia de se o Goberno central é de esquerda ou dereita, ten maioría absoluta ou non, a situación para nós non muda. E a única resposta posible é que erramos colectivamente seguindo a confiar nas forzas políticas estatais para defender os nosos intereses no canto de dar unha moita maior representación ao nacionalismo galego.

Porque mais alá de declaracións para a galería, a práctica demostra que as forzas políticas estatais, durante anos PP e PSOE e agora tamén Unidas Podemos, nunca racharán un prato para defender os intereses de galegos e galegas, acatarán submisamente as decisións das súas xefaturas madrileñas, por máis que sexan absolutamente conscientes de que prexudican a quen os elixe. Cada ano orzamentario limitaranse a repetir o ritual. O partido estatal que goberna defenderá as partidas para Galiza e a forza que está na oposición cuestionaraas, iso si, coa boca pequena. Pura farsa, cambia de mans o Goberno, intercambian o papel, mais todo segue igual. Comparten un mesmo deseño de Estado no que Galiza xoga un papel marxinal. Tanto o comparten, que até Feijoó, incluso co PP na oposición, sae en defensa do español, cala ante unas contas inasumibles. 

E nun contexto político como o actual, sen maiorías absolutas nas Cortes, situación que é mais que posible se manteña no tempo, volve visualizarse con claridade meridiana, máis alá do barullo, a importancia política que para as nacións ten contar cunha forte representación propia. Volven ser nacionalistas vascos e cataláns quen teñen a forza e interese para negociar. Pódense compartir ou non as razóns polas que cada forza decide apoiar as contas de Sánchez, pódese cuestionar se ERC opta por xogar o papel de CIU no pasado, ou se Otegi ve no si de Bildu un paso fulcral para alcanzar a República vasca, mais o que é innegable é que usan a súa representación ao servizo do seu país e conseguen concesións políticas e económicas que Catalunya e Euskadi nunca obterían se a súa representación maioritaria estivese en mans das forzas políticas estatais.
E Galiza no espello. Nós, a diferenza de vascos e cataláns, só temos un deputado no Congreso. A súa utilidade para Galiza é absolutamente incuestionable. Capaz de alcanzar un acordo de investidura, histórico. Un acordo que o PSOE, para que nos imos enganar, se pode, tratará de demorar no tempo e incumprir, cando menos, en parte. Mais dese hipotético incumprimento, e hai que dicirllo con absoluta claridade a quen semella alegrarse porque tal escenario se faga realidade, só será responsable o PSOE. Un só deputado, mais coa dignidade e amor por Galiza suficiente para non aceptar e denunciar unhas partidas orzamentarias que son unha burla persistente no tempo. Ter que seguir a demandar case os mesmos investimentos que hai 20 anos, como proba.

É posible que conseguidos polo Goberno Sánchez os apoios necesarios para sacar adiante as súas contas o único deputado do BNG non poida variar as discriminatorias previsións para Galiza. Non será por falla de compromiso co país. Por iso a pregunta non é de que serve un deputado nacionalista? A pregunta é: de que lle serven a Galiza as e os deputados de PP, PSOE e Podemos? A pregunta é que poderíamos conseguir se no canto de ter un deputado nacionalista tivésemos 10 ou 12. 

Comentarios