Opinión

De leccións latinoamericanas e política española

En Bolivia, amparándose nunha “fraude eleitoral” avalada por unha OEA, marioneta dos USA, medios de comunicación e gobernos, mais nunca demostrada, as elites económicas brancas, racistas, fundamentalistas cristiás deron un golpe de Estado que enviou ao exilio o presidente Morales e reprimiu a sangue e lume as protestas populares. Evo Morales foi acusado pola “xustiza” de sedición e terrorismo e inhabilitado como candidato, co obxectivo de debilitar ao seu partido, cortándolle a cabeza. Un ano despois o MAS arrasa nas eleccións, confirmando ao tempo a falsidade das acusacións de fraude. Por se non abondara, esa mesma xustiza, após as eleccións, sen despeitearse, retira as acusacións contra o ex presidente. Un golpe escandaloso que non mereceu a firme condena do Goberno, un golpe apoiado por esa mediática española, sempre tan preocupada polos “dereitos” dos opresores, mais tan calada ou cómplice cando se esmagan os dereitos dos povos oprimidos.

En Chile, seguindo o modelo da “transición española” a democracia, é dicir, que todo cambie para que todo siga basicamente igual, o sanguento ditador pilotou a redacción dunha Constitución vixente até hoxe, garante da impunidade dos pinochetistas, ao servizo do capital, aceitada na práctica, polas forzas políticas turnistas no Goberno e padecida polas clases populares. Foi unha masiva insurrección popular que custou moitas mortes e feridos a que forzou a Piñera a convocar un referendo gañado amplamente polas persoas partidarias do cambio constitucional. Mais unha vez a loita polos dereitos como imprescindíbel para conseguilos, loita que moito me temo terá que continuar o pobo chileno para alcanzar unha nova Constitución minimamente favorable aos seus intereses. Tampouco escoitamos nesta ocasión o Goberno español expresar a súa alegría por este indubidábel éxito democrático, nin o monarca enviar o correspondente “telegrama de felicitación”. Para que nos imos enganar, a lección do povo chileno é un mal exemplo que os cancerbeiros da inmutábel, sacrosanta e obsoleta Constitución froito do pacto co franquismo tentarán minimizar e ocultar.

E Venezuela. Un Goberno español que se autocalifica como o “máis progresista da historia”, segue a recoñecer como “presidente-encargado” o tal Guaidó, “encargado” polo imperio, sen éxito, de derrubar a calquera prezo, violencia incluída, a Maduro. Cala fronte ao inxustificábel bloqueo ao que o matón do norte someteao povo venezolano, mais criminal aínda en tempo de pandemia. Amosa a súa vergoñenta dependencia dos ianquis, acolle na súa embaixada en Caracas a López, compinche de Guaidó, após tentar un golpe de Estado militar, e agora coa dirección dos USA e a colaboración de Colombia sácao ilegalmente dun país soberano, recíbeo Sánchez e protéxeo en Madrid. Unha escandalosa actuación dende calquera ponto de vista, do agrado da caverna mediática e política, covardemente negada polo Goberno. Nin sequera o impresentábel Lenin Moreno negou a súa decisión de expulsar a Julián Assange da embaixada ecuatoriana en Londres.

Leccións latinoamericanas de resistencia e loita popular para defender dereitos e avanzar. Ou sobre o uso da xustiza ao servizo dos poderosos para promover novas formas de golpismo, perseguindo dirixentes políticos “incómodos” de Roussef a Lula de Morales a Correa por poñer algún exemplo. Uso do “independente poder xudicial” para liquidar adversarios e descabezar movementos políticos no que o Estado español é alumno avantaxado.

A política exterior tamén define, e moito, a política dun Goberno. Lamentabelmente a política exterior do Goberno PSOE-Podemos é substancialmente semellante á de calquera outro Goberno da dereita. Sen perfil propio, igual de dependente e submisa ás directrices da UE, ao servizo dos intereses USA, aínda que sexan contrarios aos propios. Unha realidade que por moito que a silencien nin sequera o ruído que xeran coa pandemia é quen de ocultar.

Comentarios