Opinión

A insoportable política imperial

As esperanzas creadas pola mediática conformadora de opinión, a respecto da substitución no goberno do imperio do ultradereitista Trump, polo progresista Biden, e na que moitos inxenuamente acreditaron, pouco tardaron en verse frustradas pola porfía dos feitos. Cambia a presidencia, mantéñense as mesmas políticas. 

Insoportables políticas, disfrazadas de defensa dunhas liberdades, que nin tan sequera son quen de respectar dentro das súas fronteiras, mais que só perseguen manter intacta a capacidade de saqueo dos pobos polo capital norteamericano e que deixan tras de si un regueiro de sangue, destrución, pobreza, vulneración dos máis elementais dereitos humanos.

Como no seu día escribín, non era a “anomalía” Trump, é o Imperio. Meses despois de tomar posesión o dúo Biden-Harris mantén os salvaxes bloqueos económicos que asfixian as economías de Cuba, Venezuela ou Irán, con devastadores efectos para os seus pobos, agravados pola pandemia, simplemente porque os seus gobernantes non lles permiten o espolio dos seus recursos ou tropas en Siria ocupando ilegalmente os seus pozos de petróleo.

A mesma política imperial que sostén un Estado criminal como Israel. Un Estado que practica a limpeza étnica, ocupa pola forza das armas territorios, expulsa das súas terras e rouba as propiedades dos palestinos ou mantén un xigantesco campo de concentración en Gaza. Un Estado agresor, que bombardea impunemente Siria, ou practica o terrorismo asasinando científicos ou militares iranís. Dende calquera óptica democrática merece a máis firme condena, mais segue a contar co incondicional apoio de Biden.

A política imperial dos EEUU nada ten a ver coa defensa dos dereitos humanos. Colombia como último exemplo. Un Estado no que, dende hai anos, centos de dirixentes sociais son asasinados, cun goberno que esmaga e masacra a quen se atreve a protestar na rúa contra da desigualdade, a pobreza ou políticas fiscais inaceptables é apoiado sen rubor polo amo do norte.

Levantar con independencia unha política alternativa baseada no intercambio económico igualitario, o respecto ao dereito dos pobos a decidir o seu destino e a paz, contribuiría a frear total ou parcialmente esta política imperial, aliviaría o sufrimento de millóns de seres humanos e á larga resultaría beneficiosa para os seus promotores. Un papel de contrapeso que podería e debería xogar a UE, autoproclamada bastión da democracia, mais que opta pola submisión as políticas norteamericanas, dispostos moitos dos seus Estados membros, en maior ou menor medida, en función do seu peso político e militar, a participar no espolio dos recursos alleos.

A política imperial dos EEUU nada ten a ver coa defensa dos dereitos humanos

Unha submisión que no caso do Estado español, irrelevante na cena europea e mundial, resulta esperpéntica. Dilapida miles de millóns de euros en gasto militar, necesarios para atender urxentes necesidades sociais, ao servizo dos ianquis aos que, de paso, lles permite facer e desfacer nas bases militares ou participa no acoso a Venezuela ou Cuba, mais que seguro contra dos propios intereses económicos. 

Se o Sáhara non é independente, ten a ver coa vergoñenta venda do territorio a Marrocos por Juan Carlos I, mais tamén, e moito, cos intereses xeoestratéxicos, nomeadamente dos EEUU. Paralizaron o proceso de descolonización. Trump, contra da legalidade internacional, recoñeceu a soberanía marroquí. Biden mantendo a decisión, fortalece Marrocos, condiciona até o ridículo a capacidade de decisión do Goberno español. Ao simple feito de acoller ao enfermo líder do Frente Polisario, responde Marrocos provocando unha “minicrise migratoria” que fai entrar en pánico o Goberno. Sánchez atopa máis solidariedade declarativa que real na UE. Ningún apoio do “amigo americano”. Non lle queda outra que “pedir papas”. As inevitables consecuencias de comportarse como un lacaio.

Defender unha nova orde baseada no respecto, a paz e a solidariedade. Poñer fin ao imperialismo. Doado non é, mais é imprescindible.

Comentarios