Opinión

De Gobernos e indefensión

Cadaquén pode analizar a realidade como quixer e incluso pode vela como satisfactoria. Mais é imposíbel negar a evidencia. A maioría social leva anos perdendo dereitos e liberdades. Unha realidade que nos toca padecer e na que, sustancialmente o capital fai e desfai ao seu antollo. Os Gobernos que temos, dunha cor ou doutra, matiz arriba ou abaixo, simplemente se limitan a administrala. A consecuencia é a indefensión clases populares.

Indefensión fronte aos abusos do capital. Un exemplo, a banca. Non fai falla ningunha comisión de investigación para saber con certeza absoluta que Gobernos do PSOE e PP, mais alá de declaracións para a galería, estiveron de acordo e manobraron até conseguir liquidar as caixas de aforro, salvaron a banca con miles de millóns de cartos públicos que nunca devolverán, permitiron a estafa das preferentes, impulsaron a concentración bancaria. Agora reducen oficinas, persoal e horarios, deixan sen servizo miles de persoas, impoñen abusivas e intolerábeis comisións, esixen contratar con eles seguros ou plans de pensións. A Feixoo só se lle ocorre que cos nosos cartos paguemos os caixeiros que nos quitan, a Sánchez, nin iso. Cantos menos recursos, máis abuso. Sen posibilidade de librarnos da súa tiranía, atrapadas e atrapados pola necesidade de cobrar nóminas ou pagar recibos. E os Gobernos permítenllo.

E podemos seguir até o infinito, cadaquén ten a súa propia experiencia. Falsas ofertas das telefónicas, empresas que substitúen a atención ao público, á que xa se suman as administración públicas, por máquinas parlantes incomprensíbeis e fartantes, gasolineiras sen traballadoras e traballadores, acoso telefónico a domicilio, e un longo etcétera de maltratos diarios permitidos con indiferenza polos Gobernos para beneficio do capital. 

Fago referencia ás “pequenas cousas” do día a día para constatar a galopante degradación de quen hoxe nos goberna. Se nin sequera atopamos protección fronte aos “pequenos abusos” do capital malamente podemos esperala fronte aos “máis grandes”. Un par de exemplos de actualidade: sanidade pública e leis laborais.

Indefensas e indefensos fronte ao colapso da sanidade pública, con inaceptábeis consecuencias para a saúde e a paciencia de doentes. Máis visíbel pola pandemia, o deterioro vén de anos de recortes nos que os Gobernos aplicaron as receitas impostas polo capital. Diminución do gasto público, tamén como fórmula para potenciar a sanidade privada. E malia a evidencia da necesidade de máis persoal e infraestrutura sanitaria, como moito parches para saír do paso que nada resolven. Nin sequera diante da evidente falla de recursos, son quen de rachar coa receita. Ningún aumento substancial dos orzamentos para sanidade pública. Claro que tampouco ningún intento de reformar a fiscalidade, de aumentar a recadación facendo que pague quen moito ten ou de combater a fraude fiscal a serio, non sexa que non lles goste aos que mandan.

E as leis laborais. Non é posíbel gobernar defendendo os intereses da maioría sen rachar algún prato, aínda que teña custos persoais. É indecente non cumprir co prometido como se nada pasase. É indecente facer tragar a sociedade como avance o que só é consolidación do 95% da lesiva lexislación vixente. 

Elevado o “diálogo social” a categoría de ben en si mesmo, os resultados están á vista. A patronal estabelece os límites, sindicatos subvencionados asinan e fan de narcótico social, o Goberno, sen sequera disimular, esixe ao Parlamento que se aproben as modificacións, sen discusión, degradando o papel de cámara lexislativa á de simple vasalo do poder económico. Bo negocio para o capital. Indefensión para traballadoras e traballadores. 

Farta tanta indefensión, tanta submisión ao gran capital, tanta indiferenza cos problemas da poboación. É inaprazábel rebelarse ante tanta barbarie. Comprender que os dereitos só se poden manter ou recuperar coa loita colectiva e solidaria e optando por Gobernos dispostos a defender os intereses da maioría, dispostos a se enfrontar ao poder. Empecemos pola Galiza. Vainos a vida.

Comentarios