Opinión

Espertaremos ou aínda non?

Pasado o efecto adormecedor que sempre ten o verán, toca reenfrontarnos a unha realidade cada día máis dura e difícil para as clases populares ás que os gobernos ao servizo do grande capital dominante espolian sen tregua dereitos, liberdades e rendas. 
Nun contexto internacional en boa medida determinado pola "entolecida" política dos USA, disposta a tentar manter a calquera prezo, incluída a forza militar propia e a dos seus monicreques, a súa máis que ameazada hexemonía económica. Política que está a desestabilizar social e economicamente o mundo enteiro.

Agravadas as consecuencias pola renuncia da UE a ter unha estratexia propia, optando por xogar un papel de comparsa, con dirixentes a cada paso máis servís con Washington, aos que nada importa sacrificar os nosos intereses no altar do capital e o imperio, como se  evidencia coa insensata e pouco meditada onda de sancións a Rusia que, ditada por Biden, pagamos nós. Fracasada a hipótese de que provocarían o rápido colapso da economía rusa e o fin da guerra en Ucraína, comproban incrédulos como as consecuencias das súas decisións as están a pagar as propias economías e nin así son quen de rectificar atrapados nas redes ianquis. Gastan miles de millóns en soster artificialmente o réxime de Zelenski, láianse hipócritas de que a Rusia que pretenden destruír os "chantaxea" e corren como "polo sen cabeza", aplicando parches que non solucionan os problemas de fondo nun intento de calmar os ánimos dunhas poboacións a cada paso máis irritadas polo espolio.

No Estado español a súa dirixencia limitase a aplicar as ocorrentes e cambiantes receitas de Von der Leyen. Aumentan o gasto militar, incrementan recortes en sanidade e educación públicas ou tratan de impedir a suba dos salarios. Cunha inflación superior á media europea o goberno Sánchez aproba sucesivos "pacotes de axuda", que diminúen os ingresos do Estado, non tocan os beneficios empresariais e cuxa eficacia real queda desmentida polas facturas da luz ou o prezo de carburantes e alimentos que pagamos acotío. No medio da treboada, circo político que nada resolve. Namentres, Díaz chama a patronal a ser "boa" e ceder un pouco, Sánchez e Feijoo disputan sobre a autoría intelectual das propostas, a mediática tenta construír a ficción da existencia de alternativas sistémicas diferentes, ocultando a verdade, PSOE e PP comparten estratexia, ningún discute as directrices económicas ou militares ditadas por Biden-UE e xa que logo, por máis que queiran facernos ver o contrario, tampouco as  "solucións".

Na Galiza a nada. O  gobernante PP, tamén o PSOE, absolutamente sucursalizado, flota co motor do barco avariado sobre as ondas dun mar bravo incapaz de tomar algunha medida estrutural ou conxuntural que axude a mellorar a situación da maioría social. A consecuencia, empobrecemento, emigración, perda poboación, cunha sanidade pública incapaz xa de dar resposta ás necesidades básicas de saúde, pesca, agro ou industria esmorecendo e o monte ardendo. Unha desfeita innegábel fronte á que Rueda mantén as liñas mestras do seu antecesor, pouco máis que defensa de Ence e o seu modelo forestal, xacobeos españolizadores e control dos medios de comunicación.

A deriva reaccionaria dos que nos gobernan "mete medo" o incesante saqueo de dereitos e liberdades arrepía. Neste desolador contexto político-económico convén non ser demasiado inxenuo, saber que quen move os fíos é moi poderoso. Para os pobos é imprescindíbel mudar o rumbo, mais nin será doado, nin o conseguirán de balde. Teremos que desaloxar os causantes da desfeita mais tamén combater as causas que a provocan. Apostar por forzas políticas con análises acertadas, firmeza, obxectivos claros e disposición a enfrontar as poderosas samesugas é necesario, estar dispostas á mobilización dura e sostida é imprescindíbel, porque convén, non esquezamos que sen mobilización social é practicamente imposíbel reconquistar, ampliar e manter no tempo dereitos e liberdades básicas. Así que, espertaremos ou aínda non? Veremos.

Comentarios