Opinión

Epidemia, política española e capitalismo global

A “crise do coronavirus”, mais alá da súa gravidade para a saúde, está tamén a darnos a oportunidade de ver con máis claridade a verdadeira faciana do sistema político e económico no que vivimos, sacar conclusións e comprender a necesidade de loitar por un cambio a fondo e non só cosmético.

Comprender mellor se cabe o papel da “primeira potencia do mundo libre” incapaz de cubrir as necesidades dos seus cidadáns, mais mantendo o bloqueo económico contra Cuba, Irán ou Venezuela sen que lle importe o custo en vidas humanas. O papel do FMI, negando créditos a gobernos “non gratos” para mercar material sanitario. Ou da OTAN, tragadeira de recursos públicos, a quen inxenuamente o goberno español solicita unha axuda que non chegará. Ver o grande capital, preocupado pola súa conta de resultados que non pola saúde, os especuladores da bolsa tratando de sacar beneficio da crise sanitaria. Ver a insolidariedade global, onde só podes atopar apoio na China, Cuba e Rusia.

Podemos tamén extraer valiosas conclusións do que está a acontecer na Galiza na que vivimos e no Estado que obrigatoriamente nos goberna. Da incapacidade de producir por si propio material sanitario non resolta un mes despois de decretado o estado de alarma a un sistema sanitario público debilitado polos recortes ou residencias-almacén para vellas e vellos privatizadas, porque a prioridade é pagar a banca a débeda xerada por ela mesma, tal como acordaron PSOE e PP coa reforma do 135.

E mais alá das contradicións, erros ou negativas a pechar os focos de infección, podemos extraer conclusións da actuación política do goberno central que Feijoó, xefe da súa sucursal na Galiza, aplica obediente.

O goberno español PSOE-PODEMOS, e non por eficacia, senón por razóns político-ideolóxicas decide aproveitar a crise para centralizar, policializar e militarizar cun obxectivo político claro, fomentar na sociedade a idea da “unidade nacional española”, a idea de que as CCAA non serven para resolver problemas serios, evidenciar máis o xa evidente, a autonomía é outorgada, non soberanía real, facer aparecer o exército en Catalunya como demostración. Unha política que decide un goberno de ”esquerda” co non sei si sorprendente apoio entusiasta de Podemos e que convén non confundirse subscribe PP ou VOX. Unha política en ningún caso defendible, con consecuencias por medir, nunha sociedade atemorizada pola epidemia, despistada polas mensaxes mediáticas, predisposta a aceitar calquera decisión que a saque do confinamento. Non é por eficacia. Soldados que non pintan nada nas rúas, publirreportaxes sobre actuacións da UME asumibles por persoal civil con menor custo económico, lavado de cara dunha institución cuestionada. Forzas da orde, incapaces de controlar os desprazamentos, mais multando arbitrariamente persoas, curas exentos. Roldas de prensa con uniformados imposibles en calquera outro Estado. Nin se demostra a eficacia da centralización. Centralizan compras, incapaces de fornecer o material necesario, na práctica até os gobernos autónomos máis españolistas mercan pola súa conta. Iglesias asume o mando das residencias co apoio da UME e o resultado salta á vista, como exemplos. Iso si, nin a centralización conseguiu salvar o papel do xefe do Estado. Felipe tratou de tapar coa epidemia a corrupción da monarquía, fixo un discursiño, visitou Ifema, e seguro que ben aconsellado, desapareceu.

E podemos verlle a verdadeira cara a UE. De novo a solución é conceder aos Estados, como diría Rajoy “créditos en condicións vantaxosas”. Débeda que pretenden volvamos pagar a escote as clases populares. E para iso nada mellor que a proposta-trampa dos coligados PSOE-PODEMOS. Novos “pactos da Moncloa”. Manter no tempo a política de “unidade nacional”, nada de reforma fiscal, asumir a necesidade de novos recortes, inviabilizar a protesta.

E despois do confinamento que? En pé, soberanía, democracia, dereitos.

Comentarios