Opinión

Democracia exemplar?

Os EEUU como potencia imperial que son, condicionan vida e facenda de boa parte da humanidade. Nos seus Estados satélite, como o español, porque o seu modelo ideolóxico, económico ou político, será en maior ou menor medida imitado e imposto. Nos Estados que non se someten aos seus desexos porque serán atacados política, económica ou militarmente se é preciso.

Conseguir que os povos dos estados satélite, tamén o seu propio povo, aceite con naturalidade o modelo capitalista, imperial, é fundamental para os seus intereses.

Presentalo como un modelo superior é fulcral para a súa lexitimación. O seu deporte, o seu modelo urbanístico ou educativo son enaltecidos como superiores por medios e comunicadores. O seu cine e a ideoloxía que transmite asolagan as nosas pantallas, transplantan os seus “costumes” de hallowines a blackfridais, as súas guerras imperiais sempre o serán en defensa da liberdade e por descontado o sistema democrático dos “lideres do mundo libre” seranos presentado machaconamente, tamén polos nosos dirixentes políticos, como unha “democracia exemplar” da que temos que aprender.

O asalto ao Capitolio dos EEUU polas tropas de choque de Trump representou a culminación do “despropósito” vivido entre as eleccións presidenciais do 3 de novembro e a toma de posesión de Biden. Para moitas persoas as certezas da democracia USA saltaron polos aires. Fíxose visible o que coidadosamente ocultan, as vergoñas dun sistema político deseñado até o extremo para mellor servizo dos intereses do capital, que non do povo. Urxe taponar esa vía de auga na credibilidade. Trump foi unha anomalía, con Biden volve a normalidade, e a outra cousa.

Un sistema eleitoral obsoleto, deseñado para dificultar cando non impedir a participación popular nomeadamente dos sectores mais empobrecidos e hipoteticamente máis críticos co poder establecido, nada proporcional, exclusivamente limitado na práctica, dende as súas orixes, a dúas opcións políticas con mais semellanzas que diferenzas, obscenamente condicionado polos dólares que os empresarios aportan ás campañas, mais ben fai dubidar que sexa un modelo a imitar.

Como tampouco o é un modelo económico e social deseñado polo capital, sen contrapesos. Cada día máis desequilibrado entre a minoría rica e a maioría empobrecida agravado pola estratificación social derivada da orixe racial, onde millóns de persoas por moito que se “esforcen individualmente” nunca alcanzan o falso paraíso do “soño americano”. Na primeira potencia económica do mundo, millóns de persoas malviven sen emprego ou subempregadas, con baixos salarios, demasiados sen nin sequera ter o suficiente para comer, sen acceso a sanidade ou tendo que endebedarse de por vida para poder ter acceso á universidade. 

Nada de exemplar pode ter unha democracia na que se privatiza todo o que poida ser fonte de beneficio ou que defende que canto menos Estado e canto menos impostos paguen os ricos mellor, por máis que se constate que ten nefastas consecuencias para a maioría da poboación. Na que se criminalizan e perseguen ideas, comunistas ou que simplemente defendan unha mellor distribución da riqueza, namentres se toleran e difunden sen problema as ideas máis reaccionarias, onde a biblia e as súas interpretacións máis ultras seguen a conformar o pensamento dominante.

Unha democracia que dende o seu mesmo nacemento creuse no dereito a espoliar os recursos dos povos, promove réximes ditatoriais, utiliza a forza militar, ou aplica bloqueos económicos salvaxes como os que están a sufrir Venezuela ou Cuba en plena pandemia para conseguir ese obxectivo, saltándose a legalidade internacional, nada ten de admirable, só agudiza os desequilibrios e deixa sen futuro nin esperanza millóns de seres humanos obrigados a unha emigración masiva.

Nin democracia exemplar nin modelo a imitar. Democracia ten que ser liberdade, xustiza social, dereito das nacións a autogobernarse. Porque a democracia ou é para o povo, ou simplemente, non é.

Comentarios