Opinión

Coronavirus: saúde, negocio e guerra económica

Vai alá un ano dende o comezo da pandemia. Deixa atrás un rastro de morte, enfermidade, desemprego, incremento da desigualdade social, empobrecemento ou unha débeda pública cada día máis disparada. Como sempre en tempos de “crise” son as mulleres e os sectores populares mais débiles os principais prexudicados e as grandes fortunas as principais beneficiarias. Podería levar a pensar que o gran capital desta vez aproveita a crise sanitaria para afondar na recomposición do modelo económico e social na que está empeñado dende hai anos.

Un ano no que é inevitable preguntarse por que varios Estados do mundo conseguiron frear ou conter o virus a niveis razoables e outros non, entre eles, con pequenas diferenzas nos seus resultados, os que fan parte da UE. A esta altura é evidente que a estratexia antivirus deseñada pola Comisión e aplicada con seguidismo entusiasta polos gobernos español e galego é claramente ineficaz. Baseada na restrición parcial e temporal do contacto social, condicionada polo crecente descontento, con medidas contraditorias incomprensibles para moitas e moitos e descargando a culpa sobre a “irresponsabilidade individual”, as ondas de contaxio veñen e van. Tan conscientes son os gobernos da ineficacia das súas medidas, que aínda non ben rematada a terceira onda, xa nos anuncian a cuarta, nun recoñecemento explícito da inutilidade das súas decisións.

Gobernos que son conscientes de que sen saúde non hai normalización económica e nin así están dispostos a modificar os dogmas capitalistas, nunha demostración práctica de a quen serven. Fálannos do novo maná dos fondos europeos, mais ningunha previsión de aumentar o gasto social. Sistemas sanitarios públicos recortados e debilitados, cada pouco tempo ao borde do colapso , que están deixando sen diagnóstico e tratamento a millóns de persoas sen plan ningún de mellora de medios humanos e materiais. Por suposto, non só non esixen a sanidade privada poñer os seus recursos a disposición das necesidades xerais senón que lle permiten aproveitarse da traxedia para incrementar beneficios a conta das necesidades das persoas desatendidas na pública ou facendo PCR.

Un ano no que constatamos que para a UE e os seus gobernos a saúde da poboación é un obxectivo secundarizado aos intereses do capital farmacéutico e aos xeoestratéxicos do imperialismo. E o fracaso da promesa dunha vacinación rápida e masiva da poboación do espazo UE como exemplo. Financian con cartos públicos a investigación, mais as patentes das vacinas son das farmacéuticas. Asinan contratos que só se explica manteñan en segredo por inasumibles. Impiden a distribución de vacinas rusas ou chinas a pesar de non contar con cantidade suficiente para satisfacer as propias necesidades. E no colmo do despropósito, nas súas guerras, desprestixian vacinas que logo teñen que inocular provocando a lóxica desconfianza en parte da poboación.

Se a vacinación masiva é, como afirman, a única solución para conter a expansión do virus é absolutamente inaceptable a política que está a seguir a UE e os gobernos dos Estados, incluído o español. Deberíamos esixir un cambio radical. Non é admisible dende ningún punto de vista que os intereses do capital e do imperialismo ianqui primen sobre o dereito á saúde ou ao traballo digno. As potencias capitalistas auto proclámanse a diario campioas da defensa  dos dereitos humanos, mais obxectivamente practican unha política que só pode cualificarse de criminal. Porque criminal é neste tempo de pandemia condenar a millóns de persoas a enfermar ou morrer mantendo patentes ou bloqueos económicos contra Estados que non se aveñen a entregarlles os seus recursos.

É imprescindible unha nova política que garanta o dereito á sanidade pública de calidade, como o é unha política de cooperación a nivel mundial que non deixe ninguén atrás. Poñer fin ás patentes, dedicar todos os recursos existentes á produción. Garantir o acceso universal á vacinación. É posible e urxente.

Comentarios