Opinión

Construír a nova normalidade

Entramos na “nova normalidade”, e Galiza, nada menos que encabezando o pelotón. Xa temos a Feijoó ao mando, actuando sen o corset do Goberno central, porque, como é ben sabido, na Galiza os escasísimos problemas xurdidos na xestión da pandemia foron causados pola incompetencia do “mando único”.Grazas a Deus nada importante, porque aí estaba o noso presidente para corrixilos. Se Sánchez non lle enviaba material de protección, Feijoó conseguíao e, se non, sempre lle quedaba Amancio Ortega para botar unha man. Aí están anos de Goberno afortalando un sistema sanitario público que foi quen de dar resposta á epidemia sen necesidade de recorrer á construción de hospitais de campaña, ou con material sobrante que lle permitiu enviar en plena crise respiradores a Madrid. Se lle engadimos a brillantísima xestión da privatizada rede de residencias de vellos e vellas, o balance non pode ser máis que satisfactorio. E non hai columnista de pesebre que non defenda a mesma conclusión. Como moi ben resumía un deles, se non é sorte, é política. Como non é sorte que Galiza tivera un menor número relativo de contaxios porque, por exemplo, non temos grandes urbes como Madrid ou Barcelona, o “éxito” só pode ser consecuencia da acertada política de Feijoó.

Vistas así as cousas, que é como os medios de comunicación, públicos e privados, nos din que hai que velas, deberíamos ter que alegrarnos de que grazas ao noso gran timonel, un “moderado”, un novo Gallardón, temos os deberes máis que feitos. Non é preciso debater, menos aínda repensar e cambiar o modelo de residencias, que ben poden seguir a ser almacéns de vellos e vellas cos que facer negocio ou reforzar con persoal e medios o sistema sanitario ou a educación pública. Facendo caso a este falso relato fabricado polo PP e a súa ben engraxada mediática nada máis lóxico que deixar as cousas como están.

Eu son dos que levo moitos anos convencido do papel, non absoluto mais si determinante, dos medios na creación de opinión. Non importa tanto o que es como o que digan que es, o que fas como o que digan que fas. Nun contexto global de evidente deterioro da información libre, veraz, crítica, que na Galiza alcanza máximos, a imaxe positiva que Feijoó ten aínda entre moitas e moitos galegos, ten moito a ver co “cinto de ferro” mediático, encabezado por unha CRTVG, convertida nun No-Do, que vulnera a diario impunemente calquera principio ético e democrático.

E de aquí ao 12 de xullo van ter, e farano, que redobrar o esforzo para manter a imaxe dun presidente, na realidade, incapaz de aportar solución algunha aos graves problemas do pobo galego, sen máis obxectivo que manterse no poder á espera da oportunidade de saltar a Madrid. E abonda ver, retomado o mando por Feijoó, as primeiras medidas adoptadas, para confirmalo. Se reabren os parques infantís xa se encargarán os concellos de capacidades, distancias e desinfeccións, ou se se permiten as verbenas, pois alguén xa se fará responsable de controlar a asistencia e de que bailen a distancia. Feijoó dita normas, mais sen orzamento para poder cumprilas e derivando, coma mestre do escaqueo que é, responsabilidades aos demais.

Un presidente que un día  trata de curarse en saúde e pide control de mobilidade ao Goberno central para ao día seguinte, ante a primeira insinuación de “madrileñofobia”, desdicirse e pedir que veñan fodechinchos en masa.

Sen plano ningún para a recuperación económica. Fracasada a “operación Pemex” a única idea volve ser o Xacobeo . Un Xacobeo eterno como motor económico da Galiza. Da crise industrial interminable, con Alcoa no epicentro ou da crise agraria xa se encargará “Rita la Cantaora”.

Así que, dicir o que dicir a lexión de estómagos agradecidos, con Feijoó só hai “vella normalidade” suicida. Urxe construír unha nova, avanzar cara á soberanía, á democracia e ao traballo digno. E, aquí e agora, a única garantía para conseguilo é apoiar o nacionalismo galego. Mans á obra, torres máis altas caeron.

Comentarios