Opinión

Brexit: a nai de todas as desgrazas?

O 31 de xaneiro consumouse a saída de Gran Bretaña da UE. Medios de comunicación, opinadoras e opinaores, dirixentes políticos de toda cor no estado Español coinciden esmagadoramente. O brexit é un desastre, para a UE, si, mais sobre todo para Gran Bretaña que, advirten, pagará as consecuencias con un devastador retroceso económico e tamén social ao perder o paraugas da “progresista” lexislación europea. Por se non abondara os españois terán que usar pasaporte, co cómodo que era o DNI, ou os camións atascaranse nas fronteiras en colas interminábeis.

Que a Cameron se lle ocorrese convocar un referendo, unha frivolidade impropia dunha democracia, os argumentos a prol da saída, mentiras, a fobia anti inmigración como explicación absoluta do resultado. Nada de tentar preguntarse se as actuais políticas da Unión terán algo a ver co brexit. Nin sequera preguntarse por que tres anos de advertencias, obstáculos, ameazas, por parte dunha UE nada interesada na saída de Gran Bretaña fixeron variar a opinión de británicas e británicos. Boris Johnson converteu as últimas eleccións nun novo referendo e gañou por maioría absoluta, o laborismo, coa súa indefinición, deixou o campo libre á dereita e pagouno cunha derrota histórica.

Así que no canto de tanto catastrofismo e acriticismo co actual proxecto europeo, mellor ver como evoluciona a nova situación no económico, nun contexto no que Bruxelas nin pode renunciar a un acordo nin quere que resulte “beneficioso” para un ex socio que recupera a súa soberanía, non sexa renda o exemplo. No social, no que as clases populares terán que loitar pola defensa dos seus dereitos no novo cenario e tamén no plano político nun Estado onde as nacións piden paso.

Salvando as distancias, a moitos dos novos Estados europeos, nacidos da separación do Estado matriz, auguráronlles o mesmo futuro catastrófico. A realidade é que lles fose mellor ou peor, ningún deles pediu a reintegración no Estado do que se separaron.

Sexa cal for o resultado da saída de Gran Bretaña, o que é dunha irresponsabilidade absoluta dende posicións nacionalistas ou de esquerda é, na práctica, seguir negándose a cuestionar a fondo este modelo de UE, seguir defendendo, contra toda evidencia que na actual UE, atopan amparo a autodeterminación das nacións ou os dereitos laborais e sociais.

Un modelo de UE, xerarquizado, monetarizado ao servizo do gran capital globalizado, principal beneficiado que non se priva de aplicar medidas draconianas para conseguilo. De Grecia a imposición de modificar a Constitución española, como exemplos.

E imposible non ver que as políticas da UE, están a supoñer un retroceso nos dereitos e condicións de vida, con estancamento ou mingua dos salarios, precariedade laboral, aumento da desigualdade con ricos, máis ricos e aumento da pobreza e a exclusión, recorte dos sistemas públicos de pensións, redución de tributos para os poderosos ou paraísos fiscais na propia Europa. Un modelo que non opta pola cohesión social, nin tampouco territorial e de iso algo sabemos galegas e galegos. Unha Europa que expolia recursos de terceiros países e levanta muros fronte a inmigración, convertendo o mediterráneo nun cemiterio. Participante activa en aventuras militares, cunha política exterior supeditada aos EEUU, que tanto cala fronte a liquidación de dereitos dos palestinos como recoñece a un títere como o autoproclamado Guaidó.

A crise do actual modelo de UE é evidente. A insatisfacción en amplos sectores populares non fai mais que aumentar. E o brexit é tamén, mais alá dos intereses de sectores do capital británico, unha manifestación de ese descontento. Podemos empeñarnos en non ver que a renuncia das forzas progresistas a cuestionar este modelo, defender as clases populares que o sofren nas súas carnes, e formular e loitar por outro alternativo é un dos factores que están detrás do auxe dunha extrema dereita que recolle a bandeira abandonada. Poder, podemos, mais cando queiramos ver igual xa é demasiado tarde.

Comentarios