Opinión

Algunhas leccións do Día da Patria

Teño dito que o Día da Patria ten, entre outras virtudes, a de “abrir en canal” as forzas políticas, obriga a tomar posición mais alá das oportunistas profesións de fe galeguista ou mide fortalezas organizativas e apoio social. Non foi diferente este pasado 25-X, aínda que con algunhas singularidades.

A ninguén lle pasou desapercibido que o españolismo, e habería que preguntarse por que, decidiu reforzar o seu habitual desembarco no día do seu patrón.

Presidente, vicepresidentas, ministras do Goberno español, a real familia, sen a facción emérita, ao completo, e a inestimable contribución de Feijoó facendo, como sempre, de mariachi. Non faltou a entusiasta colaboración da benquerida, pola dereita española, Ministra de Defensa que enviou tropas de terra e aire.

Estaban case todos e non obstante chamativamente sós, nunha burbulla, rodeados por miles de policías, illados dun pobo do que evidentemente desconfían. As imaxes dun Obradoiro baleiro, co escaso público presente atrapado nunha esquina, resultan reveladoras.

Dentro dos blindados muros da catedral, como nun castelo, nun cerimonial propio do Medievo, coa xerarquía católica de anfitrioa e a compracida mirada do sucesor de Juan Carlos I, dereita, socialistas, comunistas, ateos e crentes, monárquicos e republicanos, unidos por unha causa común, capaz de facer esquecer as súa diferenzas, a España unha, intolerante, negadora da plurinacionalidade, e xa que logo, dos nosos dereitos políticos, do noso idioma e a nosa cultura. Extramuros, galegos e galegas do século XXI, orgullosas de selo, sen complexos castrantes, libres, dispostas a loitar por un país no que vivir e traballar con dignidade, ese país que nos negan os donos da fortaleza.

Extramuros, galegos e galegas do século XXI, orgullosas de selo, sen complexos 'castrantes'

Aínda que sorprendentemente, ou non, na mediática estea a pasar desapercibida, é imposible non subliñar, porque ten importancia política, a presenza de Yolanda Díaz. Sen a escusa da “obriga institucional” porque evidentemente non a había, unha das principais dirixentes de Podemos decide ser protagonista no acto españolista. Importancia política porque integrándose no máis rancio da casta política envía unha mensaxe non só de “normalización” de UP senón tamén dela mesma, que a vida dá moitas voltas. Faino ademais, e sábeo, nun día de gran significado político. Quen non hai tanto, cando o BNG tivo a ocorrencia de convocar un 25-X “unitario” se deixaba ver pola Quintana, ou a quen Beiras, nun novo alarde de olfacto político, considerou aliada para seica mellor defender a causa nacional galega, deixa as claras, por se non o estivese, cal é o papel real da esquerda de obediencia madrileña na Galiza e a falsidade da súa galeguidade.

Un 25-X no que se fixo evidente definitivamente a desaparición absoluta, e xa que logo a constatación do fracaso dos experimentos políticos xurdidos da escisión do BNG, ou onde un PSOE bipolar, que ao tempo que defende a sacrosanta unidade de España e o réxime monárquico, insiste en homenaxear un Castelao cuxas ideas e práctica son a antítese das súas.

O BNG volveu mobilizar miles de persoas. Reforzado polos pasados éxitos electorais, e aínda no medio da mala situación económico-social do país, con pequenos avances que celebrar, e non é pouco, dende a rebaixa das portaxes á apertura de Meirás ou na loita contra unha prepotente Ence, nos que, queiran recoñecelo ou non, o papel do nacionalismo foi chave.

O BNG volveu mobilizar miles de persoas. Reforzado polos pasados éxitos electorais, e no medio da crise

Deixa algunhas leccións este Día da Patria. Clarificou aínda máis o confuso panorama político dos últimos anos. Demostrou que non se pode avanzar na defensa dos intereses de galegos e galegas de ganchete da esquerda española, que non hai mais “aliado natural” do nacionalismo que as clases populares.

Evidenciou a intolerancia e o desprezo do Estado coa nosa realidade nacional, mais tamén certo grado de preocupación polo avance do nacionalismo.

Sabendo que non hai “revolucións de coloríns”, a certeza de que confiando nas propias forzas o pobo galego será quen de abrir camiño cara a un futuro mellor. Torres máis altas caeron.

Comentarios