Opinión

De 23-F e democracia plena

Certo é que non corren bos tempos para a democracia no mundo do capitalismo globalizado. As clases populares ven como se recortan os seus dereitos e liberdades, as policías esmagan calquera desafío a orde establecida, as elites enriquécense máis e máis obscenamente.

O mesmo acontece no Estado español. A diferenza é que a democracia española naceu xa raquítica, coas asas cortadas polo pacto co franquismo. O autogolpe do 23-F reafirma o pacto, establece liñas vermellas non sobrepasabeis, normaliza definitivamente un aparato de estado, da xudicatura ao exército preñado de franquistas, branquea ministros da ditadura como Fraga, mantén os escandalosos privilexios da Igrexa católica ou converte en heroe da democracia o sucesor designado por Franco. Calquera pode entender que con estes vimbios mal cesto democrático se pode facer.

Que case 50 anos despois de morto o ditador permaneza simboloxía franquista en rúas, prazas ou igrexas ou que se siga a falar dos “dous bandos”, equiparando republicanos e fascistas, expresa a gravidade do cancro que supón ese pacto para a socialización dos valores democráticos. Nada estraño pois que moitos e moitas galegas asistamos indignados ao que está a acontecer co pazo de Meirás. Un pazo nunca reclamado polos gobernos centrais, tampouco polos gobernos galegos do PP, de Fraga a Feijoó, recuperado pola presión popular e co Goberno español “máis progresista da historia” negándose a recorrer unha sentenza que considera os herdeiros do ditador inocentes criaturas, xentes de boa fe, que deben ser indemnizados con cartos públicos polos gastos derivados de ocupar ilegalmente unha propiedade do Estado. Un escándalo. Impensable, por comparación, que en Alemaña os herdeiros de Hitler estivesen anos ocupando até hoxe a súa casa de verán, o “niño da aguia”, e agora o goberno alemán decidise indemnizalos polos gastos de conservación.

Ao golpe chégase co aparato da ditadura intacto, o 23-F non fixo máis que consolidar o pacto co franquismo, e cuxo froito é esta “democracia plena” na que din vivimos. É vergoñento, mais non inocente politicamente que as forzas monárquicas autodenominadas constitucionalistas, nas que xa se inclúe con toda normalidade Vox, decidan celebrar por todo o alto o “fracaso” do golpe palaciego. A celebración non é mais que unha xigantesca operación de propaganda política dirixida a recuperar o prestixio perdido de Juan Carlos, convertendo o seu enriquecemento ilícito en problema menor e, ao tempo, e o máis importante, tratar de afianzar o actual monarca e o réxime que encabeza.

Unha operación de propaganda imprescindible nun momento no que o réxime e a monarquía ve cada día máis cuestionada a súa credibilidade entre os letais efectos da crise económica para as clases populares, a actuación no contencioso catalán, a represión vía policial ou xudicial ou os escándalos de corrupción.

E como consecuencias políticas nesta “democracia plena”, a negación absoluta de calquera mínimo avance na soberanía real das nacións, sentenzas escandalosas cuestionadas até polos tribunais europeos, manifestos de militares ultras, presos políticos, exilados, cárcere para mozos de Altsasu ou rapeiros, sindicalistas combativos ante as agresións patronais represaliados, impunidade policial, man dura contra quen se atreve a cuestionar o réxime, tolerancia descarada coa ultradereita e mesmo co nazismo, conivencia coas falcatruadas da banca e o gran capital son algunhas das realidades que nin masivas campañas de propaganda poden ocultar.

Poden insistir o que queiran, mais non vivimos nunha idílica democracia que só precisa retoques menores, vivimos nunha democracia encorsetada nos límites aceptables para os cancerbeiros da dereita ultra. Segue a ser necesaria a loita por unha democracia real que recoñeza e respecte os dereitos individuais e nacionais. Así que esa “democracia plena” de franquismo da que falan, para eles. Eu confórmome cunha democracia, a secas.

Comentarios