Opinión

A tradición non para

Este 2020 fanse vinte anos desque fun ao meu primeiro serán. Toutón, como non, o serán dos namorados, o serán máis ghrande do mundo. E alí abríuseme, efectivamente, un novo mundo. O mundo daquelas mulleres que collían as pandeiretas e facían que a música fluíse e o baile prendera nos corpos coma o lume. Sen papeis. Sen artificios. Sen traxes folclóricos. Cunha linguaxe que elas compartían e eu, nós, queriamos aprender como fose. O mundo dos seráns era o mundo das mestras pandeireteiras, bailadoras e bailadores de Sequeiros, de Gharghamala, de Chaín, de Toutón, de San Vicente de Oitavén, de Amoedo, de Sabaxáns, de Laxoso… Que mellor escola podiamos pedir. 

Daquela escola bebemos moitos, e o lume dos seráns axiña alumeou a Galiza enteira. Foliadas, fiadeiros, ruadas, polavilas… a actualización do baile comunal na Galiza foi un éxito colectivo e autoxestionado sen precedentes na Península. Comprendemos que o baile fóra dos escenarios debía seguir sendo un medio de diversión, de socialización interxeracional e, por que non, de moceo. Como sempre fora.

Primeiro no Condado e arredores. E, ao pouco, en vilas e cidades de todo o país había convocatorias para bailar o que outras tocaban e viceversa. A axenda Malmequer, esa gran guía, deixou constancia de un cento destes eventos cada tempada entre os anos 2007 e 2014. Moito gastar zapato a ritmo de muiñeira.

En 2015 os compañeiros naquel intre na directiva da AGG ben viron q era hora de abrir rego por esta banda. Viñeron as primeiras e segundas Xornadas do serán en Pazos de Borbén,  homenaxe tamén a un dos teimudos e militantes das cousas bonitas do país, Domingo Amoedo, finado prematuramente o ano anterior. Charlas, obradoiros, e o importante testemuño de pandeireteiras en activo da zona encheron ese ano e o seguinte a casa da veciñanza de Pazos. Desgrazadamente, o apoio do goberno local non estivo á altura e houbo que parar. Non é un conto novo, o desleixo que impide ver o potencial do patrimonio. 

Tamén non é nova a teimosía e a militancia. No ano 2017, xa como directivo da AGG, decidín facer unha proposta para retomar as Xornadas cun novo formato e levalo á vila de Mondariz, epicentro dos seráns actualizados. Desta si, atopamos un Goberno municipal sensible que entende o que ten entre as mans. As aldeas do Ceo en 2018 e de Cernadela en 2019 fixeron de perfecta engrenaxe. Trouxemos a Mondariz compiladoras expertas no tocar, cantar e beillar destas aldeas, e de todo o país chegaron tocadores e beilladoras para aprenderen gozosas tanta regalía. A outra hora, tempo de parola e reflexión sobre baile e tradición con investigadoras na materia, avanzando cos pés na terra. O intre álxido, a homenaxe ás protagonistas. Emoción. Nó na gorxa. As veteranas deixan sabedoría e levan o cariño da súa xente, e un humilde mais significativo diploma: "Mestra pandeireteira". Rematar cun serán é imperativo, e as bailas e tocares das outras mestras das aldeas en activo convérteno nun verdadeiro luxo.

Mais en 2020 marzo non trouxo a primavera senón a peste da Covid. A vizosa programación de seráns parou en seco. Impensable neste intre levar adiante un serán, menos aínda coas mestras veteranas na ecuación. 

Así é que este outono non traerá baile aos turreiros do país, e “O serán desta aldea” tamén se verá forzado á temporal suspensión. No entanto, aproveitaremos as novas redes para divulgar todo canto pasou en Mondariz hai un ano, xunto con algunha sorpresiña máis, a través dos vídeos que subiremos á nosa canle de youtube. Atentas á estrea este domingo, primeiro de Santos.

Á espera de tempos mellores, ben está pararse e reflexionar sobre o papel do noso baile comunal como parte importante da cultura e identidade desta terra. De (re)coñecer ás portadoras de tanta riqueza, de tomarmos consciencia do grande camiño andado nas últimas décadas, e de sentarmos unhas bases sólidas para que os nosos seráns, ruadas e polavilas sexan cada vez máis un elemento de relación, unión e orgullo para todas as galegas e galegos. E que a tradición non pare.

Comentarios