martes 22/06/21

O país da pandeireta

A pandeireta. Ou pandeiro, pandeira... mesmo pandareta se aceptamos o castelanismo. Óptima para a troula, logo de xeracións e xeracións de testado. Profundamente arraigada na nosa tradición oral. Identitaria coma a que máis. E, por riba, de prezo asequible e cunha ampla oferta de calidades e artesáns. Seguramente o instrumento de música popular máis abondoso no noso país. 

Un instrumento mundial con importancia tamén para moitos pobos cos que compartimos península. Dende a India ata Marrocos, dende Murcia ata Miranda do Douro, diversas tipoloxías e xeitos de facer a festa cunha mesma ferramenta redonda e con ferreñas. Mais en Galiza… en Galiza a pandeireta rachou moldes. 

É que por aí fóra todo o mundo toca ao revés ca nós, collendo o instrumento coa man inhábil para baterlle coa man hábil. Mais non son elas as raras… a excepción somos nós. Tal foi que, nunha altura da historia non moi afastada, a pandeireta tomou un novo camiño en Galiza. Autodeterminouse. 
Tocarmos movendo o instrumento sobre a outra man, como seguramente se tocaban as ferreñas, prendeu por todo o país ata substituír o estándar universal anterior. Só resistiron a esta innovación algunhas zonas entre O Barbanza e as terras de Santiago na provincia da Coruña, As Frieiras na de Ourense ou Cervantes na de Lugo. Instalárase para sempre un xeito diferente de tocar a pandeireta: o xeito galego. Case nada.

Moita xente maior das aldeas coñeceu as pandeiretas nos bailes da súa mocidade. Témola documentada ao longo do século XX na maioría das comarcas galegas, quitando algunhas áreas da provincia de Ourense e boa parte da de Lugo. No resto, foi epicentro do moceo ancestral. 

Documentada ao longo do século XX na maioría das comarcas galegas, a pandeireta foi epicentro do moceo ancestral

Sen pandeiretas non había baile comunal: o serán, a ruada, a rúa, a trisca, o fiadeiro, a polavila… Un baile que era orgullo e motivo de unión das mozas, responsables primeiras de que se fixera na súa aldea. E anceio dos mozos, que ían dun baile noutro á busca da que puidera ser a súa parella da vida. Un, dous, tres, catro e ata todos os días da semana no inverno, as mozas de cada lugar eran as encargadas de tocar este poderoso instrumento. Moitas veces con cadansúa pandeireta, ás veces con outros instrumentos tamén, coma un pandeiro cadrado, un latón do pemento, unhas cunchas... 

O protocolo estaba claro. Cada grupo de mozas botaba os bailes establecidos, adoito na mesma orde. A jota, a muiñeira e os correspondentes agarrados non podían faltar. E ao remate desa rolda, outras mozas a remudar, e aquelas a bailar cos mozos. Eles, se querían, tamén axudaban, claro, mais éralles voluntario. Para as mozas non. Todas, na medida do posible, tiñan que axudar para que houbera música. 

E así é que temos un país vizoso de mestras da pandeireta, apor de botar noite tras noite, serán tras serán, a tocar e a cantar como as maiores lles aprenderan. Velaí a cadea da tradición oral, viva porque chegou a elas, viva porque elas nola ceden. Tan grande é a nosa responsabilidade.

Mais, aquí si, o pobo galego ten estado á altura. A mocidade dos anos noventa quixo renegar do folclorismo barolento da Sección Femenina e atopou nas mestras das aldeas as orixes de todo. Velaí os comezos coas referenciais Leilía. Velaí xente do folk como Milladoiro, Berrogüetto ou Carlos Núñez a botar man das pandeireteiras de Cantigas e Agarimos ou Xiradela e a axudar na repopularización dunha figura case esquecida polo galeguismo previo. 

Na Galiza instalouse para sempre un xeito diferente de tocar a pandeireta: o xeito galego

Así chegamos ás Tanxugueiras, ao Xabier Díaz ou aos Fransi e Davide de hogano, triunfando aquí e polo mundo adiante. Canda elas, o camiño paralelo da pandeireta acompañando á gaita, dos virtuosos Melitón e Polo ata Os Cempés ou Treixadura. 

A día de hoxe moita xente ten unha pandeireta na casa. Por ter ido alguén do grupo familiar a unhas clases, por tela herdado ou simplemente por se fai falla para ambientar unha festiña ou armar barullo nunha manifestación.

Porque somos de pandeiretar. Porque sempre fomos e porque houbo quen soubo coller o testemuño. Porque aí seguiremos, a riscar nas pelicas. Como o que somos: o orgulloso país da pandeireta.

comentarios