xoves 24/09/20

De Xohana Torres a Begoña Caamaño

O 7 de setembro de 2015 o BNG de Santiago de Compostela defendeu no pleno da Corporación municipal unha moción para recuperar o Premio de ensaio Xohana Torres, un premio que comezou a súa andaina en 1993 e que se viu interrompido entre o 2012 e o 2016. A moción aprobouse por unanimidade e hoxe é unha realidade a convocatoria renovada do Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres en Compostela. Ao tempo que descubrimos esa historia silenciada, o premio porá luz nunha figura que debera ser ben máis coñecida e divulgada. 

O pasado 17 de febreiro, o gran lector Manuel López Foxo escribía un fermoso artigo no xornal Sermos Galiza dedicado a reivindicar a obra e o compromiso feminista e lingüístico de Xohana Torres, brillante escritora, extraordinaria poeta, referente na construción de potentes universos narrativos e autora pioneira de pezas teatrais na nosa lingua. O artigo titulábase De Rosalía a Xohana Torres e nel Manuel López Foxo relataba cando adquiriu Adios, María, o primeiro libro que leu en galego. Foi o 4 de agosto de 1976. Non puiden evitar ir eu mirar as datas en que adquirín algunhas das súas obras. A primeira foi Un hotel de primeira sobre o río, o 7 de xaneiro de 1981. Merquei este libro de Galaxia con portada e ilustracións de Isaac Díaz Pardo nunha libraría, como tantas, xa desaparecida, a “San Pelayo” da Estrada. Pouco despois comprei o Adios María. Non foron os primeiros libros en galego que lin (entre os que si estiveron as Cousas de Castelao, agasallo dunha profesora extraordinaria, Mari Colino, un ano antes), mais si dos primeiros. Pouco despois, o 22 de abril de 1981, mercaba o meu primeiro exemplar do Sempre en Galiza, ese precioso volume case miniatura publicado por Ediciós Galiza.

Xohana Torres é unha autora que sempre me fascinou, tanto pola súa escrita como polo seu compromiso inquebrantábel e mesmo por esa súa ausencia consciente dos actos literarios. A deputación da Coruña garda unha débeda con ela, pois o Premio de Etnografía que gañou co ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, está aínda sen publicar. Con todo, gran parte da enerxía que transmite na súa obra reside na coherencia con quen quere ser, unha autora comprometida coa lingua deste país e coa defensa dos dereitos e das liberdades das mulleres. Ningún título, pois, máis atinado, que o de Rosalía a Xohana Torres.

Xohana Torres é unha autora que sempre me fascinou, tanto pola súa escrita como polo seu compromiso inquebrantábel e mesmo por esa súa ausencia consciente dos actos literarios

E é nese fío en que queremos recuperar unhas palabras que sobre ela escribiu Ramón Piñeiro a Basilio Losada nunha carta datada o 14 de setembro de 1971. Nela, Piñeiro dá conta da aceptación de Adios María e das boas vendas que tivo para, a continuación relatar que lle transmitiu a Xohana a posibilidade de realizar unha xestión para a traducir ao castelán. As palabras de Ramón Piñeiro coa resposta de Xohana son elocuentes da consciencia da autora en traballar por esta lingua dominada que elixira e da súa responsabilidade para con ela:

    Díxome que xa lle escribira Lara interesándose pola edición en castelá e que tamén o Ferrín lle transmitira unha oferta semellante por encargo de outra editora. A actitude de Xohana é que escribe en galego por lealtade á lingua e que unha tradución inmediata ao castelán -competidor prepotente do galego- sería pouco consecuente co seu sentir. Cousa distinta sería si se tratase dunha     tradución a outra lingua non competidora da nosa na nosa mesma casa. Por eso coida que cómpre deixar pasar tempo antes de dar tal paso.
   

Xohana Torres, residente en Vigo, volve ter un espazo de recoñecemento en Santiago de Compostela, a súa cidade natal. Ela foi, como Rosalía, o ronsel en que escribiron outras autoras posteriores. Ela, que escribira sobre penélopes que queren navegar e contra a historia imposta, está tamén presente nas longas cartas escritas entre Circe e Penélope en Circe ou o pracer do azul da gran narradora Begoña Caamaño. Foi nese mesmo pleno do 9 de setembro de 2015 en que solicitamos que se lle puxese o nome dun parque á escritora viguesa vinculada á capital do país por residir nela gran parte da súa vida. Aproveitamos este 8 de marzo para reclamar, máis unha vez, que Begoña Caamaño forme parte desta Compostela que ela tanto tripou e tanto amou. Porque os camiños que nos levan desde Xohana Torres a Begoña Caamaño están ateigados de compromiso feminista e de reivindicación lingüística, parafraseando Luísa Villalta, non podemos esquecer que “os (seus) nomes somos nós”. 

comentarios