Opinión

Outro presente é posíbel

O nacionalismo é unha ferramenta ao servizo do noso pobo, do dereito a existirmos e a vivirmos con dignidade no noso propio país. Os problemas profundos da sociedade galega están directamente ligados a unha carencia: a de non podermos decidir sobre os nosos recursos para poñelos ao servizo do noso desenvolvemento económico, social e cultural. A maior abondamento, o nacionalismo é tamén a mellor concreción, no político, da coñecida frase do Miguel Torga: “O universal é o local sen paredes”. Ou sexa, somos porque estamos no mundo desde nós.

“Cando berro viva Galiza libre! non fago máis que reclamar para a miña Terra vida e liberdade; e ao reclamar para a miña Terra estes dereitos veño a recoñecer tamén os mesmos dereitos para todas as demais terras”, escribe o primeiro concelleiro nacionalista, o irmandiño coruñés Lois Peña Novo, no ano 1922. Todas as Galizas, todas as persoas e todos os dereitos, sintetizariamos hoxe, para trasladarmos en linguaxe de rede social a nosa aposta –nacionalista e de esquerdas- por un país libre, novo e digno. Isto é, orgulloso e consciente de si propio, que garanta educación, saúde, vivenda, cultura e traballo para todas as súas mulleres e todos os seus homes, e con capacidade para decidir libremente o seu futuro e participar do mundo en igualdade. 

As persoas que apoiamos a candidatura do Bloque e de Nós reivindicamos a pluralidade como un xeito de garantir unha democracia de verdade, baseada no traballo para o pobo e no respecto aos pobos.  Por iso defendemos a existencia dunha alternativa nacionalista que nos conduza a vivir mellor, a vivir dignamente, con todos os dereitos, con todas as posibilidades deste país rico en que vivimos. Nun momento en que se coñecen publicamente as manobras dos poderes deste estado cada vez máis centralista para acabar cos nacionalismos faise máis evidente que o voto BNG-Nós Candidatura Galega é un voto molesto para o poder estabelecido. Molesto porque visibiliza con clareza a existencia política da nosa nación, porque defende a diversidade e porque rompe co esquema de progresiva laminación de todo o que non é o cuatripartidismo estatal televisivo.

O voto BNG-Nós Candidatura Galega é un voto molesto para o poder estabelecido

E molesto tamén, claro,  porque a alternativa do BNG-Nós aposta por unha transformación radical. A mesma que hai máis de 25 anos comezou o Concello de Allariz, e logo Pontevedra, e despois Tomiño e Carballo e tantos outros lugares. A mesma transformación por que traballamos día a día nas rúas, no mundo laboral, no sector cultural, na defensa do público, no xeito de tecermos redes e vertebrar o territorio. Porque somos pobo. Nacemos del e a el nos debemos. Por iso vivimos coa esperanza de poder ser quen somos, de poder falar sen que ninguén nos diga o que temos que dicir, de poder decidir por nós, de poder ser felices coa nosa xente, no noso país. 

Acreditamos nesta nación viva e intensa, con recursos, talento e capacidade para saír adiante. A mesma que tiveron os nosos avós e avoas, as nosas nais e pais, todas as persoas que, antes ca nós, se ergueron cedo e se deitaron tarde cada día para construír un futuro. Recoñecémonos no intenso traballo realizado polas nosas deputadas, polos nosos deputados, no Congreso dos Deputados e Deputadas ao longo das últimas décadas, un labor de interrelación constante co conxunto da sociedade galega e os seus problemas, hoxe recoñecido mesmo polos nosos adversarios políticos. Acreditamos na nosa mocidade, formada e preparada e á que temos que garantir poder facer aquí as súas vidas, no seu beneficio e no do conxunto da nosa sociedade. Acreditamos, en definitiva, nunha Galiza chea de vida e de esperanza.

Somos pobo. Nacemos del e a el nos debemos. Por iso vivimos coa esperanza de poder ser quen somos, de poder falar sen que ninguén nos diga o que temos que dicir

Somos as mestras, o persoal das bibliotecas, as médicas, as estudantes. Os labregos e gandeiros, querendo vivir do noso campo. Os autónomos, pelexando cada día para saíren adiante. As mariscadoras, as traballadoras da conserva, as artistas. Somos as xornalistas, as teleoperadoras, os camareiros, os bolseiros. A xente nova con contratos de mes e medio e alugueiros de usura. Traballamos no naval, nos eólicos, nas industrias auxiliares, na administración. Estamos no paro. Ou estao a xente que queremos. Opositamos. Preparámonos para un futuro incerto. 

Mais non mendigamos dereitos, exercémolos. Somos pobo. Nacemos del e a el nos debemos. Queremos sumar forzas convosco para facer que outra Galiza exista. Cos pés na terra e o corazón á esquerda. Porque o nacionalismo está día a día a mover este país coa certeza de que outro presente é posíbel.

A autoría deste artigo é conxunta de Goretti Sanmartín e Xavier Campos.

Comentarios