Opinión

Porque as beiras son río

Coñezo C. e M. e O. e H. e P. hai máis de 20 anos. Partillamos espazos educativos e transformadores na comarca da Barbanza. Transmitimos compromiso pola nosa lingua e abrimos portas para unha cultura oculta e silenciada. 

Coñezo C. e M. e O. e H. e P. hai máis de 20 anos. Partillamos espazos educativos e transformadores na comarca da Barbanza. Transmitimos compromiso pola nosa lingua e abrimos portas para unha cultura oculta e silenciada. Vímonos centos de ocasións en mobilizacións feministas mais, sobre todo, souben das mil e unha maneiras que inventaron P. e M. e O. e H. e C. para concienciar o alumnado -e toda a comunidade educativa- sobre a violencia de xénero. E non se trataba só de falar das mulleres asasinadas, nin de o facer neste mes de novembro que comeza e onde o PP, organización política con importantes responsabilidades na materia, aproveita para facer discursos retóricos. Apostabamos, como sempre, por denunciar as discriminacións laborais, salariais, por reflexionar sobre iso que agora denominamos micromachismos e para o que antes non tiñamos nome. Tratábase de procurar relatos para denominar a opresión e de tentar organizar colectivos, deixar pouso, espallar semente de futuro.

"Apostabamos, como sempre, por denunciar as discriminacións laborais, salariais, por reflexionar sobre iso que agora denominamos micromachismos e para o que antes non tiñamos nome". 

Coñecín S. e I. e V. nas xuntanzas da organización política a que pertenzo, sobre todo nas que daquela chamabamos comisións de mulleres e hoxe, con moito máis rigor, rotulamos como comisións de Acción Feminista. Debatemos temas, propuxemos documentos, emocionámonos observando mudanzas relevantes e queixámonos moito tamén por non sermos quen de avanzarmos máis. Houbo un tempo en que pensei que S. e I. e V. abandonaran a implicación organizativa activa, que hai moitas maneiras de o facer, simplemente a agardar desde a casa novos tempos por vir. Descubrín nos últimos meses que sempre estiveron aí, traballando desde as beiras, involucrándose desde a invisibilidade. 

M. estudou no mesmo instituto ca min, daquela o único instituto da Estrada, mais coñecina en Compostela cando as pequenas da Universidade (daquela tamén única) queriamos formar un grupo feminista e viñeron as maiores a nos  comentar o que elas fixeran. Alí coñecín tamén R. e A., que sempre estiveron aí, coas súas críticas permanentes a formar parte das organizacións políticas, mais interesadas por todo o que se movía. Con M. estiven en multitude de xuntanzas e tamén deixei de estar durante certas tempadas. Mais todas ocupamos as rúas, o teatro, as manifestacións en defensa da lingua; todas berramos Nunca Máis, Non á Guerra; todas nos solidarizamos con Palestina e cos pobos oprimidos...

Coincidín con L. en Compostela desde os primeiros meses en que a habitei (se non boto mal as contas, vai para 32 anos). Andabamos polos mesmos lugares sen nos mirarmos. Foi a súa constancia a que rematou por nos sacudir a tantas persoas, a unhas primeiro e a outras, paseniñamentre, despois. Hoxe  recoñecemos nela unha insuperábel vontade de insubmisión en todas as causas en que se implica, sen lle ceder nunca o paso ao desalento.  

"Eu fico con esas que se opoñen a este asasinato planificado, a esa perda de dereitos, de dereitos sociais, de dereitos básicos, de dereitos colectivos como pobo. Porque desde esa pluralidade de voces temos a vontade de construír unha alternativa que teña como eixo central esta Galiza que tanto amamos".

Hai apenas uns meses que coñezo R. e H. e S. e A., outras beiras que tamén son río.

Podería continuar citando casos neste outono de despedidas tan dolorosas; podería falar de como tantas outras persoas estiveron aí, están aí, a formaren parte deste río, desde unhas beiras que se moven, que se desprazan, que non poden nin queren manterse inmóbiles e constantes -e teñen dereito a iso-, que  unhas veces parecen inundarse e non ficar á vista, e agóchanse á mantenta para non repararmos nelas mentres que noutras ocasións se mostran vizosas e toman ar para se manteren e, tamén, para nos impulsaren. 

Nestes tempos de procura de referentes, eu fico con C. e con H. e con O. e con P. e con M. e con S. e con I. e con V. e con M. e con R. e con A. e con B. e con L. e con R. e con H. e con S. e con A....

Eu fico, para este proxecto colectivo que temos entre as mans e que debemos aloumiñar, coa contemporaneidade que nos rodea. Eu fico con tantas persoas que levan a formar parte de nós desde hai tanto tempo que xa parecemos esquecelo. Eu fico con esas persoas que desde calquera lugar da nosa nación están a traballar por ela, para que continúe a existir. Eu fico con esas que se opoñen a este asasinato planificado, a esa perda de dereitos, de dereitos sociais, de dereitos básicos, de dereitos colectivos como pobo. Porque desde esa pluralidade de voces temos a vontade de construír unha alternativa que teña como eixo central esta Galiza que tanto amamos. E porque tamén, parafraseando palabras poderosas que estes días queremos reivindicar especialmente, sentimos xa que mudamos por esta compaña, porque no noso xeito de ver o mundo -con todos os matices e diferenzas que quixermos incluír- podemos sentir o rastro de tantas olladas feitas desde as beiras que son río.

Comentarios