Opinión

Pola memoria democrática nos concellos

Na lembranza dos membros das corporacións locais represaliados despois do golpe militar de 1936

Porque como aquelas vítimas 

Queremos liberdade para sempre. 

Porque por aquelas vítimas

Para sempre queremos xustiza 

Porque a realidade é o desexo, 

PAZ PARA SEMPRE

Claudio Rodríguez Fer, Memoria antifascista de Galicia

A Deputación da Coruña homenaxea hoxe, de maneira oficial, todos os cargos políticos represaliados despois do golpe militar de 1936, moi en especial, aqueles homes e mulleres que formaban parte dos gobernos dos concellos e da propia Deputación. Falamos de representantes políticos ao servizo de veciños e veciñas e do ben común que viron as súas vidas truncadas por defenderen os seus ideais de liberdade e xustiza. 

A desmemoria e o silencio provocaron que caese sobre moitos nomes unha lousa de invisibilidade que fai que, oitenta anos despois, aínda non estea pechada a lista de homes e mulleres relacionados coas corporacións municipais que padeceron represalias polo seu compromiso como representantes públicos. Queremos contribuír a borrar o esquecemento e recuperar a memoria de tantos homes e mulleres que sufriron o terror, un terror que, en moitas ocasións, puxo fin ás súas vidas. 

Esta mesma institución foi duramente atacada polo fascismo despois do levantamento militar. O seu presidente, tamén presidente do Comité Central de Autonomía de Galicia, José López Bouza, e o seu vicepresidente, Ánxel Casal Gosende, alcalde de Santiago até comezos do mes de xullo, foron paseados naquel agosto de 1936 así como o deputado provincial e membro da xestora Xaime Quintanilla, que fora alcalde de Ferrol de 1931 a 1934. Á súa beira, Jesús Castaño, alcalde de Mañón, Cipriano Fernández Brage, de Fisterra, Manuel Fernández Freijeiro, de Cedeira, Antonio Fernández Pita, de Sada, José Germán Fernández, de Santiago, Tomás López Datorre, de Betanzos, Alejandro Porto Leis, de Serantes, Juan Prieto Balsa, de Mugardos, Álvaro Puentes Antón, de Cabanas, Pablo Rico Couceiro, de Monfero, Ramón Souto González, de Fene, Alfredo Suárez Ferrín, da Coruña ou Juan Manuel Vidal, alcalde de Arzúa. Todos eles ocupaban os seus postos de rexedores municipais cando o golpe militar puxo fin á legalidade vixente e ás súas propias vidas. 

Esta, a que tedes no folleto que se repartiu, é a listaxe de nomes que a 18 de xullo ocupaban cargo de alcaldes das súas corporacións na Coruña mais a lista agrándase con nomes como o de Alfonso de Cal Fernández, alcalde de Valdoviño ou José María Novo Rodríguez, que ocupara con anterioridade o cargo de alcalde de Betanzos. Trátase de alcaldes paseados ou executados que non estaban en exercicio xa naquela altura. Outros, sen chegaren a perder a vida, tiveron que fuxir e iniciar un longo exilio, cando non, padecer prisión, incautación dos seus bens ou o amplo abano de fórmulas represivas que se instalaron naqueles anos e que se prolongaron ao longo da ditadura. Os alcaldes de Ares, Ferrol e Miño, Benito Feijóo, Antonio Santamaría e Rogelio Pérez Medín, pomos por caso, fuxiron a Francia no bou Ramón e na lancha Golondrina. 

Da Deputación, presidentes anteriores a López Bouza como o destacado membro das Irmandades da Fala da Coruña, Alfredo Somoza, tivo que vivir once anos oculto até que finalmente puido iniciar o seu exilio ou Manuel Insua, tamén membro das Irmandades, que padeceu prisión.

A represión cebouse con dureza nas corporacións municipais, algunhas delas case completamente aniquiladas na altura. Polo de agora, descoñecemos a listaxe completa dos membros dos plenos municipais que foron represaliados en exercicio dos seus cargos mais, aos poucos, investigacións desenvolvidas en boa parte por propia iniciativa municipal, contribuíron a reconstruír a historia negada. Neste sentido, coñecemos a investigación desenvolvida en Arzúa que puxo luz sobre o alcalde asasinado Juan Manuel Vidal, mais tamén sobre o tenente alcalde, Federico Nogueira e os concelleiros Modesto Abad e Gerardo Torreiro, ademais dos procesados Alfonso Núñez, Pedro Mosquera, Eduardo Vázquez ou Alfredo Vallo. É só un caso de como o terror se impuxo nas corporacións municipais que foron sepultadas baixo a bota do franquismo. 

A represión cebouse con dureza nas corporacións municipais, algunhas delas case completamente aniquiladas na altura

Para recuperar a memoria e homenaxear aquelas persoas a que lle debemos a existencia hoxe de institucións democráticas, desde a Deputación da Coruña queremos lembrar con este acto non só os seus nomes senón tamén a obriga dos gobernos de recuperar a súa propia historia e vencer o silencio imposto durante tanto tempo. É de xustiza restituír os seus nomes na nosa historia porque a democracia ten que sustentarse no recoñecemento de todas as persoas que loitaron e defenderon a legalidade arrebatada e os ideais de liberdade. Neste sentido, especial relevancia tivo, polo seu carácter simbólico, a sesión plenaria que tivo lugar en xullo de 2014 no concello de Vedra en que se acordou restituír simbolicamente nos seus cargos os concelleiros destituídos en 1936. 

Difícil sería, en todo caso, restituír todo o que lle foi arrebatado aos representantes públicos que sufriron, nalgúns casos, o fin violento da súa vida, noutros prisión, exilio, persecución, medo e unha represión económica que afectou todas as súas familias e tamén os descendentes, algúns deles, presentes nesta sala. É imposíbel devolver todo o roubado mais desde a Deputación da Coruña queremos honrar os homes e mulleres demócratas que viron as súas vidas truncadas. Este acto forma parte desa urxente recuperación e, a listaxe que levades para a vosa casa, é só un primeiro paso dunha investigación máis ampla que a Deputación promoverá para deitar luz sobre as corporacións democráticas represaliadas e que porá ao dispor de todos os concellos da Coruña para acompañar e animar, segundo os acordos municipais, a recuperar a historia das distintas localidades. Contamos a fin de ano poder presentar xa a primeira listaxe rigorosa de cargos municipais represaliados despois de 1936, despois do baleirado de fontes solventes que permitan reconstruír a nosa historia. 

Desde a Deputación da Coruña queremos lembrar con este acto non só os seus nomes senón tamén a obriga dos gobernos de recuperar a súa propia historia e vencer o silencio imposto durante tanto tempo

Faremos unha lembranza de concelleiros e concelleiras, ademais de presidentes das corporacións, mais non podemos esquecer o amplo grupo de funcionarios e funcionarias dos concellos que foron destituídos dos seus postos, cando non vítimas de maiores persecucións. Xa só na Deputación da Coruña, a depuración do seu cadro de persoal foi estarrecedora. No prazo de dous anos e medio, o 50% do funcionariado provincial foi destituído por ser considerado sospeitoso.

César Alvajar, xefe de negociado, Manuel Mosquera, cobrador de recadación, Aurelia Barros, enfermeira, Santiago Pérez, condutor mecánico, Manuel Parga, conserxe ou Amelia Rodríguez, varrendeira, son algúns dos nomes dos 77 empregados e empregadas municipais destituídos acusados de actitude “antipatriótica” que aparecen na acta do pleno do 12 de novembro de 1936 que o Concello da Coruña nos fai chegar e que hoxe citamos na lembranza dos centos de traballadores e traballadoras públicas que sufriron as distintas formas de represión. Para eles, para elas tamén a lembranza e a homenaxe.

O medo, a represión, en múltiplas formas non afectou só cargos públicos senón tamén os membros das súas familias que tiveron que soportar, infelizmente, as consecuencias de seren fillas e fillos, mulleres e homes de persoas con implicación política. A cada un dos nomes sumámoslle unha rede inxusta de sufrimento. Citabamos agora a César Alvajar, de quen está presente hoxe aquí un dos seus netos, e lembrámonos da súa compañeira Amparo López Jean, no centenario das Irmandades da Fala, e da tristura das súas fillas Ana María e Teresa ao confesaren estas que nunca máis desde aquela estivera a familia reunida. A todas esas familias, algunhas presentes hoxe nesta sala, o noso recoñecemento e o noso agradecemento. 

No prazo de dous anos e medio, o 50% do funcionariado provincial foi destituído por ser considerado sospeitoso

A Deputación súmase á  homenaxe que debemos ás vítimas da represión de 1936 e atrevémonos a demandar unha maior implicación institucional á hora de recuperar a memoria histórica. O silencio dos gobernos é tamén cómplice e por iso defendemos políticas da memoria para pór fin ao esquecemento que dura xa máis tempo do soportábel. Temos que recoñecer, nese sentido, o importante esforzo do goberno da Xunta desde 2005 a 2009 coa conmemoración, hai agora unha década, do Ano da Memoria, co desenvolvemento de tres liñas de acción, a de homenaxe, a de investigación e a de difusión para recuperar a memoria e dar importantes pasos, por vez primeira desde o goberno galego, para retirar a lousa que se pousara sesenta anos antes.

Cómpre, neste sentido, agradecer, por xustiza, o labor desenvolvido polo movemento asociativo –de que temos hoxe tamén representantes– e polos historiadores e historiadoras que, co seu compromiso, foron quen de achar as voces, recoller testemuñas, procurar datos e denunciar a verdade. Descubrir, en fin, que no noso país non houbo guerra senón unha represión brutal que nos descabezou e decapitou as ideas máis avanzadas, as biografías máis modernas, as persoas máis implicadas na creación dun mundo mellor e máis igualitario. 

Hoxe é, para a Deputación, un día grande porque recupera a memoria das vítimas dos concellos democráticos, mais mañá será tamén unha desas xornadas que pasarán á historia da institución xa que todos os grupos con representación no pleno aprobarán a declaración institucional para proceder a retirar as honras a Francisco Franco, protagonista do golpe e xefe de estado de catro décadas de ditadura. Francisco Franco deixará de ser Fillo Predilecto da provincia da Coruña e presidente de honra da Deputación, entre outras distincións porque, para nós, ningunha institución pode manter títulos honoríficos ao autor da máis dura das represións que coñece a nosa historia. Mañá defenderemos “unha verdadeira política pública da memoria que permita o coñecemento da verdade histórica, a reparación e rehabilitación das vítimas, o exercicio da xustiza e a suspensión da fenda e das feridas físicas e morais causadas polo levantamento militar e a ditadura”. 

No noso país non houbo guerra senón unha represión brutal que nos descabezou e decapitou as ideas máis avanzadas

Despois de que o pleno da Deputación aprobase a fins do pasado ano unha condena e un rexeitamento sen paliativos do golpe de estado de xullo de 1936, a retirada das honras a Franco contribúe na recuperación da nosa memoria democrática que hoxe queremos exemplificar nas figuras de López Bouza e Ánxel Casal e representantes dos nosos concellos, a quen debemos o noso presente e a quen queremos facer xustiza porque só así, cun pé para nos impulsarmos desde o pasado ao presente, podemos garantir a dignidade das institucións para o noso futuro. Cumprimos, pois, a obriga de nomear, e facémolo co orgullo de contribuír a pagar a débeda que a sociedade e as institucións teñen coas vítimas.

Discurso lido por Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña, no acto Pola memoria democrática dos concellos. Na lembranza dos membros das corporacións locais represaliados despois do golpe militar de 1936, acto que tivo lugar o 28 de xullo de 2016 na Deputación da Coruña.  

Comentarios