Opinión

A necesaria actualización do proxecto nacionalista

Ao longo dos debates xerados durante a redacción dos relatorios que se someterán á aprobación na asemblea nacional do BNG o próximo domingo, houbo moitos puntos de acordo. Entre eles estivo o da necesidade de actualizar o proxecto nacionalista. Do que se trata é de repensar a acción e o discurso político e adaptalo á sociedade galega actual, moi diferente –política e socialmente– á de hai unhas décadas. Recoñecermos, coa autocrítica precisa, que existen problemas de comunicación e de discurso, non pode ficar nun simple enunciado de proposta de emenda. Por iso é que, desde unha perspectiva que aposta por realizar unha posta a fondo profunda, concluímos que cómpre desenvolver un proceso de participación coa militancia, a nosa base social e todas as persoas interesadas en construíren unha alternativa nacionalista sólida na Galiza. Este proceso, que rematará coa refundación e a apertura dunha nova etapa do proxecto político do nacionalismo, deberá realizar unha radiografía do noso país para definir, colectivamente, a estratexia política do nacionalismo.

Unhas declaracións públicas miñas, que provocaron un artigo neste mesmo xornal, ían xustamente nesta dirección. Agradezo a Nemesio Barxa unha interpelación que me permite volver sobre algunhas cuestións e aclaralas directamente. Entrevistas longas, realizadas telefonicamente, con matices que cómpre sempre ter en conta mais que é difícil reproducir en poucas liñas, poden dar lugar, sen dúbida, a que fique algún concepto confuso. Eu mesma, ao partillar o artigo no meu facebook o mesmo día da súa publicación, introducín o seguinte comentario previo:

Faltarían algúns matices, creo, mais sen ningunha dúbida, está claro que este domingo será o principio de algo novo que precisa as mans de todo o mundo

Aproveito a ocasión para transmitir que nada hai que me preocupe tanto como a incapacidade que demostramos para transmitir á sociedade a ligazón entre o debate sobre a soberanía nacional e as reivindicación sociais

Concordo plenamente coas afirmacións de Nemesio sobre a clareza e rotundidade na denuncia da dependencia económica e política da Galiza e na reivindicación do exercicio da soberanía nacional. De feito, os textos inclúen esta cuestión como o primeiro dos principios políticos sobre os que se ha asentar o proceso. Entre os eixos básicos irrenunciábeis para o seu desenvolvemento está tamén que “o nacionalismo é a resposta do pobo fronte a unha situación de dependencia económica, opresión cultural e política da Galiza que imposibilita a transformación e benestar da sociedade”, unha definición que se acrecenta coa aposta por “un modelo social que promova un desenvolvemento socioeconómico propio, contrario á dependencia, antipatriarcal e a prol do benestar de todo o pobo”. Afirmamos con toda a rotundidade que imos defender a dignidade da Galiza, os seus dereitos, a súa economía, a súa lingua, certezas que conforman o ideario nacionalista a que de ningunha maneira renunciamos.

Conto, Nemesio, con te ver na Coruña o domingo e coa túa participación nun proceso que non remata ese día

Aproveito a ocasión para transmitir, máis unha vez, que nada hai que, particularmente, me preocupe tanto como a incapacidade que demostramos para transmitir á sociedade a ligazón entre o debate sobre a soberanía nacional e as reivindicación sociais. Xulgo que a alternativa nacionalista avanzará na medida en que consiga facer entender esta vinculación, pois estamos a falar de dúas caras da mesma moeda: temos que poder decidir desde a Galiza que non queremos ENCE en ningunha ría, que temos dereito a vivir dos nosos recursos, desde o sector leiteiro ao naval, pasando pola defensa do dereito a gobernarmos o noso mar. É un berro xeral a reclamación de soberanía, mesmo por parte de estados con recoñecemento político mais incapacitados para tomaren decisións sobre cuestións vitais para o seu futuro.

Porque non queremos ser o país empobrecido deseñado desde poderes exteriores que condenan a nosa mocidade a un verdadeiro exilio forzado, conto, Nemesio, con te ver na Coruña o domingo e coa túa participación nun proceso que non remata ese día. Porque o proxecto nacionalista está especialmente en construción nun momento complexo, caracterizado por unha forte recentralización política e unha desgaleguización vertixinosa, todas as mans son, máis que nunca, necesarias.

Comentarios