Opinión

Golpismo informativo. Silenciando o nacionalismo galego

A Xunta Electoral Central acaba de estimar un recurso de UPyD.

A Xunta  Electoral Central acaba de estimar un recurso de UPyD en que esta formación propoñía eliminar os 27 segundos diarios de cobertura de campaña electoral que lle asignara a CRTVG ao BNG no seu Plan de cobertura informativa das eleccións europeas 2014, en virtude dos votos desta organización nos anteriores comicios de 2009. Isto acontece despois de a mesma Xunta Electoral Central decidir con anterioridade que o BNG non ía gozar dos 30  minutos que lle correspondían no conxunto dos 15 días de campaña por obter unha representación do 9,08% nas anteriores eleccións do mesmo tipo. Sen entrarmos agora a discutir a fondo o papel que deben cumprir os medios de comunicación públicos e, moi concretamente, o que está a xogar a CRTVG, si cómpre salientar algunhas cuestións para comezarmos a debullar o significado desta decisión.

O obxectivo principal da Xunta Electoral Central, tanto coa súa primeira decisión sobre os espazos informativos como con esta última a respecto do Plan de cobertura informativa das eleccións europeas 2014 da CRTVG, é invisibilizar as mensaxes do BNG. Transmitimos contidos  molestos para o sistema, porque continuamos a defender, como fixemos historicamente, que non acreditamos nesta Europa de mercaderes, nesta Europa antisocial e antidemocrática, ao servizo do capital. Ao mesmo tempo, o BNG cuestiona a viabilidade dun modelo que non respecta o dereito de autodeterminación dos pobos, a súa capacidade real de decisión e entende, para grande escándalo das forzas sistémicas, que a reivindicación da soberanía e o desenvolvemento de políticas sociais e transformadoras son dúas caras, indisociábeis, da mesma moeda.

É desde Madrid desde onde se impoñen os criterios que debe seguir a CRTVG, unha CRTVG que deixa de ter a máis mínima autonomía para definir a súa liña informativa

Por outra parte, esta decisión insírese nun contexto continuado de negación da Galiza como centro de análise da información. De maneira sistemática, existen importantes mobilizacións sociais que son ignoradas polo simple feito de se produciren no país, a pesar de seren moi relevantes, tanto cuantitativa como cualitativamente, de as compararmos con outras que se desenvolven noutros lugares do Estado español. Procúrase así silenciar as respostas da cidadanía, ofrecer unha imaxe do pobo galego que non se corresponde coa súa capacidade para saír á rúa e para se autoorganizar exixindo solucións a conflitos moi heteroxéneos.

Nestes tempos de recentralización absoluta, a situación remata por ser esperpéntica porque é desde Madrid desde onde se impoñen os criterios que debe seguir a CRTVG, unha CRTVG que deixa de ter a máis mínima autonomía para definir a súa liña informativa de acordo con principios emanados do propio país. A ruptura da liña concéntrica que sitúa o eixo en Madrid e xulga a Galiza a periferia das periferias é toda unha provocación para os intereses do sistema bipartidista, cuxa continuidade gravita arredor da exclusión do outro, no noso caso, da Galiza, da súa consideración en pé de igualdade.

Parécelles xusto ao señor Feijoo e ao señor Besteiro que máis de 100 000 votos conten menos que os 14 000 de UPyD?

A decisión da Xunta Electoral Central debe lerse tamén en contraste co discurso que o PP pretende trasladar á cidadanía. Lonxe de que pareza que as mal chamadas minorías non pintan nada, é evidente que conseguimos pór ben nerviosos os poderes cando teñen que recorrer a acordos con contidos escandalosos para silenciaren as nosas voces. Non lles abonda con reiteraren unha e outra vez que o voto ás "minorías" non serve, porque a estas alturas xa houbo abondo ocasións en que ficou ao descuberto o seu comportamento contrario aos intereses de galegas e galegos, isto é, xa hai moitas persoas que saben da inutilidade para Galiza de apoiar o PP.

Finalmente, quero deixar enriba da mesa un outro silencio, non o silencio imposto ao BNG senón o sospeitoso silencio cómplice do PP e do PSOE, forzas que non se pronunciaron, a pesar de seren interpeladas polo BNG, sobre estes feitos, sobre a censura, sobre o golpismo informativo. É isto o que entenden por democracia? Parécelles xusto ao señor Feijoo e ao señor Besteiro que máis de 100 000 votos conten menos que os 14 000 de UPyD, o 1,24% dos votos emitidos nas últimas eleccións ao Parlamento europeo? Hai silencios e silencios.
 

Comentarios