Opinión

Falta de credibilidade no combate contra a violencia machista

A derradeira semana do mes púxolle o ramo a un agosto tinxido de sangue polo terrorismo machista. 

A derradeira semana do mes púxolle o ramo a un agosto tinxido de sangue polo terrorismo machista. Catro días, catro mulleres asasinadas no Estado español; catro días, unha muller asasinada na Galiza e outra debaténdose entre a vida e a morte. E ao vicepresidente da Xunta o único que se lle ocorre pór riba da mesa é criticar a oposición por esta solicitar que se reúnan os organismos pertinentes, a Comisión de Igualdade, o pleno, o que for, e que se produza unha comparecencia para dar contas e planificar a loita contra a violencia de xénero. Perde o goberno unha iniciativa con que podía corrixir outras actitudes e trasladar á cidadanía a consideración real da violencia machista como un problema político.

Despreocúpase o PP de lanzar unha mensaxe de sensibilidade e de mostrar un compromiso contundente, tanto no Parlamento como, fundamentalmente, perante o conxunto da sociedade.

Os principais cargos públicos do PP continúan a trasladar a idea de se trataren as agresións machistas dun tema privado, relacionado con actitudes individuais sobre o que pouco se pode facer 

Di Alfonso Rueda que a responsabilidade é de toda a sociedade e que non se pode falar de cifras nin causar alarma. Ben sabemos que o problema da violencia machista é complexo e ten raíces seculares, que non vai rematar pasadomañá. Somos conscientes de que mesmo se acrecentará se non se tomaren medidas que camiñen nesa dirección. Mais tamén é verdade que de se produciren asasinatos (a-sa-si-na-tos) por calquera outra causa político-ideolóxica, pelexarían o vicepresidente e o propio presidente da Xunta por comparecer, por ter o protagonismo para condenar, para explicar publicamente que combaterían con todos os recursos posíbeis, pedirían a colaboración cidadá... Eis a enorme diferenza entre unhas e outras mortes. E é así como os principais cargos públicos do PP continúan a trasladar a idea de se trataren as agresións machistas dun tema privado, relacionado con actitudes individuais sobre o que pouco se pode facer, repenicando fundamentalmente unha idea sobre a que habería moito que afondar e matizar. Referímonos á falta de instrumentos que lle dean credibilidade ao discurso de teren as mulleres que denunciar para poderen as administracións actuar. Logo, tampouco iso se cumpre.

Existen cuestións básicas en que o PP e o  goberno da Xunta teñen unha responsabilidade directa

Con todo, e mesmo sen entrarmos no profundo rexeitamento que nos producen as políticas de desigualdade do PP, os recortes na dotación de recursos para a prevención, a falta de apoio ás mulleres vítimas de violencia e ao asociacionismo feminista, as subvencións públicas á educación discriminatoria e segregada por sexos, a diminución de axudas en dependencia, a privatización de servizos básicos, a eliminación de todo o que significa promover a educación afectivo-sexual, existen cuestións básicas en que o PP e o  goberno da Xunta teñen unha responsabilidade directa. Tomar en consideración algunha destas propostas, interiorizalas, trasladalas á sociedade, incluílas na axenda política, avalialas, son aspectos que modificarían substancialmente a situación de inseguranza e desprotección das mulleres. 

1. Recoñecer a violencia de xénero como estrutural, útil para o sistema patriarcal en que vivimos, engarzada en numerosas violencias cotiás que non se queren combater (discriminación salarial, invisibilización das mulleres, obxectualización e cousificación, consideración de cidadás de terceira, negación do dereito sobre a súa sexualidade e o seu corpo...).

2. Deseñar e aplicar un protocolo de actuación coordinado e eficaz para todos os axentes implicados (forzas de seguranza, persoal sanitario, mundo xudicial, mediadores...) con formación específica continuada. Trasladar ese protocolo de actuación ao conxunto da poboación, que debe coñecer o que pode ou debe facer en cada momento.

3. Modificar o esquema que converte as mulleres en culpábeis e negar calquera xustificación das agresións. Explicar en que se traducen o silencio e a complicidade.

4. Introducir programas de educación afectivo-sexual en todos os niveis educativos. Pór en cuestión os modelos de masculinidade e de feminidade existentes.

5. Realizar campañas entre a mocidade para desmontar os prexuízos que aínda existen, e mesmo se incrementan, entre estes sectores de idade.

6. Apostar por políticas reais de corresponsabilidade e, cando menos, desenvolver a lexislación existente nesta materia.

7. Reprobar as persoas que realizaren declaracións machistas e denigratorias para as mulleres, demostrando na práctica a tolerancia cero coas actitudes machistas. Exixir a exemplaridade dos cargos públicos e a inmediata dimisión en caso contrario.

8. Facerse preguntas básicas en vez de repetir os tópicos habituais sobre as denuncias. Escoitar o movemento feminista, que posúe algunha chave explicativa. Por que existe tanta violencia, tantos asasinatos onde non houbo denuncias previas? Entre outras cousas, porque non se creou a confianza en que os poderes públicos e a xustiza vaian protexer as mulleres dos seus agresores. Todo o contrario. Existe unha culpabilización das mulleres, cada vez con maior presión social para se deixaren someter, cada vez sentindo enriba das súas calugas a lousa do código de comportamento que as oprime. Se o señor Rueda precisar dalgunha proba, que lea a prensa e repase as noticias dos medios de comunicación deste mes de agosto.

9. Tomar a iniciativa. Considerar a violencia contra as mulleres un problema central e incluílo na axenda política. Convocar todos os organismos interesados, reunirse coas asociacións e colectivos especializados que traballan neste ámbito. Lanzar mensaxes claras á cidadanía. Transmitir a indignación que debe sentir un responsábel político ante estas mortes. Non continuar a gardar silencio ou pronunciar discursos baleiros de contidos. 

A violencia machista ten raíces seculares nun sistema patriarcal que está aí, convivindo connosco, ás veces sen nos dectarmos da súa presenza

10. Promover un protocolo de actuación para os medios de comunicación á hora de afrontaren as noticias de asasinatos machistas. Pode ser que a maioría das persoas golpeadas indirectamente pola violencia no seu contorno non se decaten de que non existe un perfil único de agresor, que descoñezan que os agresores son persoas que viven entre nós, de todas as clases sociais, niveis de estudo, procedencias..., que a violencia machista ten raíces seculares nun sistema patriarcal que está aí, convivindo connosco, ás veces sen nos dectarmos da súa presenza. Pode que haxa persoas que precisen un tempo para se decataren de que os actos dos agresores non teñen ningunha xustificación e, na súa inmensa maioría, responden a violencias prolongadas no tempo e diversas nas formas. Mais os e as profesionais que transmiten a información non poden fomentar unha visión nesgada e contribuír a perpetuar preconceptos e desigualdade. 

En definitiva, unha das chaves da loita contra a violencia machista é posuír credibilidade para lle facer chegar á cidadanía que non estamos dispostas e dispostos a admitir o feminicidio a que nos condenan. E continuamos a agardar por ela, a agardar por Godot.

Comentarios