Opinión

A dupla violencia após lermos os relatos sobre asasinatos machistas

Relatábame hoxe un amigo indignado como ao ler a nova do asasinato machista de Pazos de Borbén, a camareira do bar en que estaba comenta que ela sentiu tenrura porque o agresor a matara por ciumes. Podemos/debemos escandalizarnos desta resposta, moito máis nun caso en que a vítima morre polas marteladas que lle dá aquel que supostamente tanto a quería (tanta paixón ten que dar en crime, claro). 

Relatábame hoxe un amigo indignado como ao ler a nova do asasinato machista de Pazos de Borbén, a camareira do bar en que estaba comenta que ela sentiu tenrura porque o agresor a matara por ciumes. Podemos/debemos escandalizarnos desta resposta, moito máis nun caso en que a vítima morre polas marteladas que lle dá aquel que supostamente tanto a quería (tanta paixón ten que dar en crime, claro). Mais se lemos o relato xornalístico, o que aterra é a enxurrada de preconceptos e tópicos que contén. Estamos realmente no século XXI? Cada un dos parágrafos, cada unha das frases que se inclúen, son labazadas contra a concienciación social e a necesidade de combater a complicidade. A lectura conduce a evitar a resposta, a debilitar a condena aos comportamentos dos agresores, a atenuar a súa responsabilidade... E así nos vai.

"A vítima volve ser invisíbel. Ela non conta. Ela é a sexta galega asasinada este ano, figurará como un número determinado nas estatísticas oficiais do Estado español. Será máis un número, sen nome, sen relato"

E a vítima volve ser invisíbel. Ela non conta. Ela é a sexta galega asasinada este ano, figurará como un número determinado nas estatísticas oficiais do Estado español. Será máis un número, sen nome, sen relato. Era unicamente unha muller, culpábel polo feito de ser muller. Era unha muller que non denunciara, como tantas outras. Máis unha culpa. Ela é a estigmatizada. Na crónica informativa que se ofrece, a muller asasinada sofre unha dupla violencia. Após ser agredida polo asasino con que conviviu durante anos, é declarada culpábel e pasa a un segundo plano. Mentres, continuará nos próximos días unha historia en que se abrirán todos os interrogantes a respecto das causas da actuación do verdadeiro protagonista dos feitos.  

Son moitas as cousas que nos indignan. Podiamos debullalas unha a unha. Porén, máis unha vez, imos insistir na necesidade de se activaren protocolos comunicativos no tratamento informativo da violencia de xénero. Só recoñecendo a  responsabilidade dos medios de comunicación na transmisión de estereotipos analizados e superados, poderemos avanzar no coñecemento das implicacións profundas da violencia de xénero, no significado da dominación e a submisión, nos beneficios do sistema patriarcal en que vivimos. A linguaxe que usamos é importante, e por iso non é admisíbel continuar a falar de que estamos ante un “episodio pasional” cando falamos dun delito que levou moitas vidas por diante, que tamén condena moitas mulleres a non poderen gozar dunha vida digna.  

"Após ser agredida polo asasino con que conviviu durante anos, é declarada culpábel e pasa a un segundo plano".

Unha vez escribín tres versos que simbolizaban o feito de revolverse contra a violencia desde a propia sensación de a termos interiorizada. Dicían así:

Vomitei

        o silencio


na mesa da cociña.


Quero ver no derradeiro acto de Sara esa mesma intención. Non ía lavar unas pezas de roupa. A mesa da cociña éralle pouco para tanto que tiña que vomitar despois de máis de 50 anos de matrimonio. Por iso foi ao lavadoiro vomitar o seu silencio, rebelarse contra o relato que queren facer dela.

Comentarios