Opinión

Colectivizar, socializar, tecer, refundar. O BNG en febreiro de 2016

Temos entre as mans a responsabilidade de construír colectivamente o proxecto nacionalista que a Galiza precisa para as vindeiras décadas. Falamos, por tanto, dun proceso de longo  alcance,  fóra de curtopracismos que dificultan a visión.  E este longo percorrido temos que abordalo, como tantas outras cousas, co espírito de  non existiren fotos fixas e co obxectivo de promover mudanzas que acompañen o traballo a prol do incremento da conciencia nacional e da transformación social. Como fixemos para outros cometidos e outras etapas. Con acertos e con erros. Con traballo e ilusión. Mais nesta ocasión, teremos que acometer propostas que non abordamos endexamais, porque nunca houbo un panorama político tan complexo nin a maioría da militancia da nosa organización sentiu na caluga, de xeito tan intenso e inmediato, o bafo das urxencias e o drama da redución da representación institucional.

O Consello Nacional fai un diagnóstico en que coincidimos a inmensa maioría da militancia, mesmo aquelas persoas que presentaron textos alternativos

É por iso que o Consello Nacional do BNG vén de aprobar un relatorio que recoñece a difícil situación en que nos encontramos e fai un diagnóstico en que coincidimos a inmensa maioría da militancia, mesmo aquelas persoas que presentaron textos alternativos. Existen problemas relevantes, de discurso, de mensaxe, de comunicación, de  estrutura organizativa, que non son recentes senón que levamos arrastrando desde hai anos. Abrimos os ollos e os ouvidos á realidade, unha realidade tamén marcada –todo hai que dicilo- por ser a audiencia a que manda. E decidimos propor ao conxunto da militancia comezar unha nova etapa, un novo momento, resultado dun proceso demorado de reflexión e ampliación de forzas. Velaquí a causa de tamén coincidirmos en formular a refundación do BNG, un proceso que se abrirá a finais deste mes de febreiro, se o así decidirmos colectivamente na Asemblea Nacional do próximo 28 de febreiro. Trátase de abordar todos os problemas tras a análise das causas do declive electoral e de pór enriba da mesa todas as medidas posíbeis e en todos os ámbitos. Será substancial redefinir a liña política e os elementos discursivos, mais tamén someter a debate a forma de organización, a reactivación da participación e unha fonda reflexión sobre os novos modelos de militancia e de comunicación.  

Hai quen xulga, lexitimamente, que este proceso debe facerse de maneira acelerada, antes das vindeiras eleccións galegas, porque non hai tempo neste mundo de vertixe, inmediatez e cambios inesperados. Sen renunciar a comezar o camiño o día seguinte á constitución do novo Consello Nacional, son das que pensa que é ben certo aquilo de nos vestirmos devagar por termos présa. 

Refundar exixe colectivizar, socializar, tecer complicidades, coa propia militancia, coa base social e con todas aquelas persoas que acrediten na necesidade de posuírmos un instrumento político propio

Falar dun proceso de refundación implica incorporar novas persoas e axentes ao propio debate previo, ampliar a pluralidade de voces a se ocuparen de matinar na mellor maneira de consolidar esta nova viaxe. Entre outras cuestións, refundar exixe colectivizar, socializar, tecer complicidades, coa propia militancia, coa base social e con todas aquelas persoas que acrediten na necesidade de posuírmos un instrumento político propio, baseado na defensa do país mais tamén na construción dun mundo máis xusto, a comezar pola aposta nun modelo antipatriarcal e antiimperialista.

Ao falarmos de colectivizar, de socializar, de tecer, estamos a recoñecer que eses foron algúns dos principais erros da nosa historia recente, uns erros que non podemos repetir, máis unha vez. E a reflexión sobre eses erros atravesa o conxunto dos documentos que se van discutir nesta asemblea nacional. Mirar para fóra é necesario. Cómpre saber o que din as persoas que nos rodean, o pobo galego a quen servimos e a quen queremos chegar coa nosa mensaxe. Mais tamén é preciso dedicarmos un tempo a ollar para dentro e saber onde queremos ir e como queremos facelo. Ese é o momento xusto en que nos encontramos. Hai que mellorar as canles de participación e convocar permanentemente o modo de escoita activa, isto é, o que provoca aproximacións. E achar as sinerxías para ir, de dentro a fóra, coas mans dadas. A base sobre a que cementar o futuro ten que comezar co acordo asemblear de abrir un proceso que dará lugar a un novo proxecto político. Aí estamos. Que ese proxecto se substancie o máis axiña posíbel é unha responsabilidade colectiva. 

É desde esta perspectiva que xulgo que existe un amplo consenso a respecto de onde queremos ir a medio prazo. A diverxencia está en como facelo. E, por suposto, o como é central. Os procedementos son a propia política. 

É relevante abandonar a linguaxe belicista, tan do gusto de todas as políticas: a confrontación, a oposición, o adversario, o inimigo

Para alén de pensar en colectivo, de nos sentirmos parte do proceso, corresponsábeis del, é relevante abandonar a linguaxe belicista, tan do gusto de todas as políticas: a confrontación, a oposición, o adversario, o inimigo. Moi ao contrario, o que temos de facer é colectivizar, socializar, tecer. En rede. Do máis próximo ao máis afastado. Velaí un dos problemas centrais da nosa praxe política que temos que resolver. É imprescindíbel falarmos, interna e externamente, en positivo,  para crear ilusión, para xerar empatía, para construír. 

E tamén é central facelo coas nosas propias mans, desde a diversidade que supón incorporar á política a perspectiva nacionalista. Coas mans tendidas a realizar cantos acordos foren necesarios para acadarmos obxectivos comúns, mais sempre desde o dereito á existencia dunha pluralidade de voces e o orgullo de defendermos o dereito a decidir e a nos autoorganizar. 

Porque en tempos de tanta complexidade, non se entendería a renuncia a sermos quen somos. Como pode ser un valor deixar de escoitar unha voz distinta, o discurso de quen posúe unhas lentes que, como as feministas, non queremos abandonar. Esta posición pode parecer individual, cando nada hai máis colectivo. Pensamos así as persoas nacionalistas, as que posuímos ese sentimento, as que estamos atravesadas por el. Porén, o verdadeiro drama do nacionalismo galego (do que está no BNG e do que non está no BNG) está na incapacidade de comunicar que é esa perspectiva nacionalista a que pode contribuír á mellora das condicións materiais (e non só) de vida do pobo galego. Porque existe unha ligazón directa entre a solución aos nosos problemas e a ruptura coa dependencia da Galiza cuxo relato estamos obrigadas e obrigados a escribir. 

Comentarios