Opinión

A vida como mercadoría

No encontro dixital organizado pola Fundación Galiza Sempre que mantivo a semana pasada coa candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, e coa representante galega no Parlamento Europeu, Ana Miranda, o presidente lexítimo de Bolivia, Evo Morales, explicou as causas do golpe de estado que o levou ao exilio. Moi resumidamente, a coaligazón internacional neoliberal non podía consentir que, tamén no país andino, a xente do común tomase as rendas do seu destino e, nun exercicio de soberanía popular, puxese as riquezas do seu territorio a dispor das persoas, especialmente das máis necesitadas, esquecidas e mesmo invisibilizadas. Esas que, tras catorce anos de democracia real, conseguiran romper a liña da pobreza e emerxer ao mundo da dignidade, ben como os pobos indíxenas, cercados tamén polo supremacismo branco neocolonial, que se ergueron en pé de igualdade para se constituíren nun estado plurinacional.

Morales, con verbo calmo e reflexivo, ilustrou moi expresivamente a verdadeira faciana do sistema económico globalizado que nos está a conducir cara ao desastre, o que concebe a vida das persoas como unha mercadoría. Un sistema que trafica coas necesidades vitais dos seres humanos, desde o nacimento até a morte. Tan simples. Tanto é que quen o sofremos en maior ou menor grau xa o chegamos a normalizar, a ver como simple lóxica cotiá, como o estado natural das cousas, onde o dogma do gaño e da acumulación de capital por uns poucos logra dobregar a causa pública, os gobernos, os estados. Inocularon nas nosas mentes a súa lóxica perversa e inhumana, compraron as nosas vontades co paraíso do consumo para nos alienar nun rodopío de insatisfacción permanente e así nos prender na súa arañeira.

Mais non, a nosa vida non é nen pode ser unha mercadoría. As nosas necesidades básicas non poden ser a súa fonte de enriquecimento ilícito. Os nosos servizos esenciais non se poden pór nas súas mans ilexítimas e desalmadas. As nosas culturas, as nosas linguas non debemos deixalas esmagar para nos imporen os seus pacotes enlatados doutras alleas e hexemónicas. O noso planeta, o noso ambiente natural non os podemos deixar estragar e agonizar polas súas mentes avarentas, insaciábeis e aniquiladoras. O seu poder mediático narcotizante non podemos parar de o combater, para eles non continuaren furando nas nosas conciencias e privatizando as nosas vidas, a nosa existencia. Roubando a nosa soberanía.

Comentarios