Opinión

Ulises e Nós

Nunha atmosfera tan poluída, como a da capital do Estado, polos fumes que teiman en negar e mesmo acabar co diferente, resulta abondo complicado convencer ou tan só explicar que as linguas, as literaturas e, no seu conxunto, as 'outras' culturas existen e teñen, temos, o dereito --e queremos seguir a facelo-- de existir, cuns resultados e calidade á altura de calquera outras.

Nunha atmosfera tan poluída, como a da capital do Estado, polos fumes que teiman en negar e mesmo acabar co diferente, resulta abondo complicado convencer ou tan só explicar que as linguas, as literaturas e, no seu conxunto, as 'outras' culturas existen e teñen, temos, o dereito --e queremos seguir a facelo-- de existir, cuns resultados e calidade á altura de calquera outras.

"As nosas letras escribiron unha nova páxina de ouro na súa case milenaria historia escrita, desta vez da man de Antón, Eva, María e Xavier, co señor de Trasalba guiando os seus pasos na singradura traductolóxica de Ulises".

Ten acontecido en moitas ocasións que a proposta en galego para uns premios, quer de tradución quer de creación, que eles chaman nacionais--e que debemos interpretar, pro domo nostra, referido ás verdadeiras nacións-- sendo de igual ou mellor calidade do que outras, ficaba atrás e voltaba para a casa sen o galardón. A propia composición do xurado propicia que o español teña sempre moitas máis oportunidades, mesmo que sexa por descoñecemento ou ignorancia non xustificábeis.

Mais este ano os ventos sopraron propicios nunha travesía de augas incertas e o pasado martes, non sen considerábel esforzo de persuasión pese á calidade innegábel da proposta, o soño bosquexado por Otero hai máis de oitenta anos na revista Nós fíxose realidade. E así, as nosas letras escribiron unha nova páxina de ouro na súa case milenaria historia escrita, desta vez da man de Antón, Eva, María e Xavier, co señor de Trasalba guiando os seus pasos na singradura traductolóxica de Ulises.

"A excelente versión galega dunha das obras cimeiras da literatura universal impactou no xurado dos premios até o punto do recoñecemento merecido".

Mesmo diante dunha solvente competencia, e en evidente desigualdade de condicións, de moitas e boas traducións ao español, a excelente versión galega dunha das obras cimeiras da literatura universal impactou no xurado dos premios até o punto do recoñecemento merecido. Un recoñecemento previo que xa existía, e outros que están por vir moi logo. Como tamén xa hai e haberá valoracións e análises que debullen o desafío defrontado pola equipa e o brillante resultado conseguido. No entanto, e para non se deixar levar por cantos de sereas, o Ulises anosado para o galego do que agora precisa é do recoñecemento de moitos e novos leitores.

E, como non vai faltar a oportunidade de seguir aprofundando e coñecendo as mil e unha alfaias lingüísticas e estilísticas que as e os tradutores nos oferecen na obra, eu convidaría a mergullarse nela devagar, aos poucos. Sen ter que comezar necesariamente pola primeira páxina, nen en leitura de vez. Volvendo a ela nunha e noutra ocasión, cal Penélope tecendo e destecendo á espera do seu amado, para saborear a variedade de rexistros, léxico, estilo, tensións, xiros, aliteracións, xogos de palabras e sons, neoloxismos, paranomasias e un sen fin ronsel de sublimes artificios literarios, vertidos nunha lingua que, como no orixinal, é espectacularmente idiomática e marabillosamente auténtica, popular e solemne, alegre e tristeira, artificiosa e descontraída, requintada e vulgar. E despois, deixala esvarar polos sentidos, unha e outra vez, até chegar á Itaca da plenitude como leitores e leitoras.

Comentarios