Opinión

Turquía á espreita do Chipre

As crises económicas reforzan a necesidade que teñen os estados expansionistas de controlar os mercados, as fontes de enerxía e os corredores para a distribución de produtos e recursos enerxéticos. E nese cenario desenvólvese máis un episodio da agresión e ocupación ilegal do Chipre pola Turquía.

En 1974, por medio da chamada Operación Átila, Turquía invadiu máis dun terzo da República de Chipre, a parte nororiental da illa, após un golpe de estado, orquestrado pola xunta militar grega, contra o entón presidente do Chipre, o arcebispo Makarios III, que levaba no cargo desde 1959, cando a illa deixou de ser unha colonia británica. El tornouse o primeiro presidente eleito do novo estado despois de concordar en desistir de calquer plano de unificación coa Grecia.  A invasión da Turquía e a subsequente ocupación foron condenadas por varias resolucións das Nacións Unidas, ratificadas ano após ano, mais os turcos non desistiron e autoproclamaron a chamada República Turca do Norte de Chipre, non recoñecida internacionalmente. Cerca de 160.000 cipriotas gregos que vivían no norte fuxiron ou foron expulsos para o sul, e cerca de 50.000 cipriotas turcos do sul mudaron para o norte e estabelecéronse nas propriedades de cipriotas gregos deslocados. Paralelamente, milleiros de colonos procedentes da Turquía fóronse instalando no territorio ocupado para reforzar a presenza turca na illa. E nese contexto de ocupación permanente, nestes momentos os turcos están a explorar as águas de soberanía cipriota e mesmo a se prepararen para ultrapasar a liña de ocupación actual e se estabeleceren en cidades como Ammos. Mentres, a ONU asubía indiferentemente, sen calquer intervención substancial, e a Unión Europea olla para outro lado e esquece as prometidas sancións contra Turquía.

O acordo da Grecia co Exipto tamén non parece que vaia axudar a posición cipriota, pois recoñece que a Turquia ten unha presenza na rexión e contribúe para a invisibilidade do Chipre aos ollos da comunidade internacional. De por parte, Turquía consolida a súa orde expansionista en busca de novos mercados e influencias, entre outras cousas debido aos graves problemas económicos que enfenta na actualidade. De facto, a súa presenza na Libia e en todo o continente africano non é casual. Entretanto, invadiu a Siria, está presente no Iraque, ocupa a metade de Chipre e ao mesmo tempo concretiza as súas reivindicacións contra a Grecia.

Comentarios