Opinión

De trolas, mitos e verdades históricas

Seica estamos na era da post-verdade. Non tal. Con certeza, sempre as houbo. As grandes trolas históricas dos vencedores, contra toda evidencia real e documental, que lexitiman o seu relato e se perpetúan até ao presente. Vémolo con clareza na ideoloxía españolista, onde eles poden converter unha trola mítica en verdade histórica e transformaren as nosas verdades históricas en deformacións e falsidades. E aínda máis, empregan a lei do funil que dita e santifica que o maligno para outros é bo e lei para eles. Acabando por converteren, co seu hexemonismo racista, a sometidos en monicreques e á insurxencia nunha caste de estafa en que a defensa da dignidade e da soberanía, que eles ilexitimamente se atribúen, se converte en maldade terrorista para quen emprega os termos e os tenta facer realidade.

No conglomerado lexitimador da grande trola histórica españolista hai matices, é verdade, mais, no fondo, persiste a intencionalidade central: unha soa nación que, se nos descoidamos, vén da época das glaciacións. Contra toda evidencia material e inmaterial. Así o expresaba con nitidez o pasado 2 de maio Isabel Díaz Ayuso: España, como está articulada na actualidade, é unha única nación con dous milenios de historia "desde la romanización, la Monarquía Visigótica, la España perdida por la invasión musulmana", onde Madrid, xa se sabe, "es España abierta y pujante, moderna y solidaria. Es España vital y trabajadora; estudiosa y castiza; culta y divertida. Madrid es Historia de España, de la mejor España". Á peor "España" xa fica claro quen pertencemos.

O certo e realidade é que, para o que a nós nos toca, a verdade histórica, a que se basea en feitos, en documentación histórica, mesmo en evidencias que chegaron, malgré lui, até o presente, é ben outra. Xa o sabiamos, da boca de que quen os hexemonistas sinalaron, ver para crer, como manipuladores nacionalistas, apelídense Castelao, Murguía, Vicetto ou Ramón Vilar Ponte, felizmente revisitados e actualizados, con contundentes probas e análises rigorosas por autores comprometidos co seu país e coa verdade histórica, caso de Francisco Carballo, Anselmo López Carreira, Camilo Nogueira, José Manuel Barbosa, Heitor Picallo ou Francisco Rodríguez.

Este último, no seu recentísimo traballo A relevancia do reino medieval galego, primeiro tomo da obra Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), ofrécenos unha certeira análise dos feitos, baseados no rigor da documentación histórica que, contundentemente, esclarece verdades coma puños: a continuidade histórica ininterrompida dun país, mesmo da súa denominación, primeiro reino peninsular, durante a época sueva, que se dotou dun poder lexitimador político (e non só monárquico) e relixioso, como expresión dunha sociedade que se estaba a conformar con todos os atributos dunha nación, a comezar polo que resulta do elemento de máxima cohesión social, a lingua.

Comentarios