venres 26/02/21

Toponimia nos tempos dos bárbaros

O que aconteceu na fin de semana pasada en torno do uso do barbarismo La Toja por parte dun grupo empresarial autóctone fala claramente sobre as manobras de cerco que contra a cultura e a identidade galegas son lanzadas desde determinados estamentos políticos, empresariais, mediáticos e, no seu conxunto, desde o españolismo.

Xa pode haber unha Lei de normalización lingüística (1983) que estabelece que as únicas formas válidas e oficiais dos nosos topónimos son as galegas; outra de carácter estatal, para a salvagarda do patrimonio cultural e inmaterial (2015), que afirma que “a toponimia tradicional como instrumento da concreción da denominación xeográfica dos territorios” é considerada un ben do patrimonio cultural inmaterial ou, en suma, que a súa réplica galega, do patrimonio cultural da Galiza (2016), coloca nel a lingua, as tradicións e expresións orais, a toponimia e as artes performativas; tanto lles ten como tanto lles dá. Tamén pouco se importan que nesta última se diga que “A Xunta da Galiza velará, xunto con outras institucións da Comunidade Autónoma, pola preservación da toponimia tradicional, que se considera un valor identitario.”

Os dirixentes e altos mandatarios do Estado que se pasearon días atrás pola Illa de Louxo, da Toxa Grande ou, simplementes, da Toxa, deberían ser os primeiros a cumprir e facer cumprir as leis que eles promulgaron, votaron ou sancionaron, mais tamén sabemos que iso é como pedir o demo e a aña. No entanto, é un insulto en toda a regra que un presidente galego vaia pontificar alí sobre a lei e a orde e cale vergoñosa e submisamente ante a flagrante violación da legalidade lingüística galega. Indigno, mais non surprendente. Pertencen todos eles á mesma liñaxe da indignidade e o cosmopaletismo, sexa para barbarizar A Toxa, Sanxenxo, A Coruña ou O Carballiño.

Empeñados están en, literalmente, apagar do mapa todas os vestixios e evidencias de que, como tamén recolle a legalidade que eles validaron, a única lingua propia de Galiza é o galego, aínda que iso irrite a un ínclito catedrático de dereito constitucional, voceiro omnipresente na mediática do réxime. Váiselles facer difícil. Nen con os seus barbarismos nen con o seu bárbaro proceder. Non poderán extinguir esta magna obra colectiva do patrimonio cultural que o noso pobo criou, na vontade de nomear, na súa propria lingua, cada agra, cada penedo, cada corgo, cada congostra, cada baixío.

comentarios