Opinión

Territorio: da carraxe á esperanza

Cando un volta á Galiza de avión, unha das imaxes máis inquietantes que observa desde o ceo é a da desfeita producida pola alteración do territorio e da paisaxe. Nas paraxes máis afastadas das cidades, o eucalipto invade montes e mesmo terras agrarias até chegar á beira das vivendas e, xa preto das grandes urbes, os tradicionais asentamentos dos núcleos de pobacións rurais esnaquízanse e convértense nunha sucesión de vivendas espalladas a eito, sen calquera tipo de lóxica ou control; aquí, moitas veces son as casas as que chegan e mesmo se internan no mato. Veña un de onde viñer, o desacougo vira en carraxe ao facer a comparativa e contraste entre os modelos de ordenación territorial e o respecto e coidado da paisaxe urbana e mais da rural.

Logo de aterrar, tocar chan e deslocarse polo país adiante, desacougo e carraxe axiña se converten en cínica aceptación dunha realidade que parece difícil de transformar. Volver ao pasado, máis ou menos afastadp, xa non é realista, e desandar o camiño trillado por tanto maltrato preséntase como unha aventura pouco menos que imposíbel. Andando o camiño, aquela imaxe aérea macro vaise concretizando e confirmando en pequenos e constantes desastres que se suceden, quer nas vilas quer nas cidades, quer no territorio forestal ou agrario quer nos núcleos de poboación rurais, quer na Galiza interior quer na chamada Galiza atlántica.

Non gosto moito dos termos feísmo, maltrato da paisaxe ou canibalismo para caracterizar todas estas agresións e ataques ao que constitúe unha importante parte da identidade do país, mesmo porque axudan a procurar a responsabilidade na xente, no pobo, para esquivar as que realmente están na cerna da cuestión: as máis estruturais, as que teñen a ver coa situación de dependencia e empobrecemento, e as decisións políticas que institucionalizan e dan carta de oficialidade á especulación e á corrupción ligadas á ordenación do territorio e ao urbanismo. Por detrás de cada fenda que se provoca no noso patrimonio natural ou histórico, en cada ataque que se lanza contra o urbanismo sustentábel e humanizante, hai sempre uns espúreos intereses económicos encubertos e amparados polo concelleiro, o alcalde, o director xeral ou o conselleiro de turno. Exemplos a moreas hai polo país adiante. Mais tamén, como contrapunto, e de forma aínda minoritaria, tamén os hai de todo o contrario. Para axudar a virar a inquietación e a carraxe en esperanza.

Comentarios