domingo 25/10/20

Ribeira sacra

Xira pola Ribeira Sacra. Imaxes espetaculares. Verdor das parras nos socalcos e vexetación de ribeira a se fundir coas águas do Sil e un céu brillante e azul. Quietude e silencio só fendidos polos motores das embarcacións turísticas e de recreo que navegan o grande encoro. Territorio aínda cheo de vida e potencial produtivo, a se querer vingar do letargo que seguiu á estocada que lle inflixiron. Cenario testemuña da nosa historia gravada nas pedras dos seus mosteiros e igrexas, nas súas rochas, nas súas lousas, no seu granito.

“O que nos acontece aos galegos é que temos complexos”, di un adegueiro de segunda xeración, home novo e preparado, para explicar as innovacións na vinicultura coa posta en valor de variedades de grande calidade e potencial que estiveran a pique de desaparecer: dona branca, branco lexítimo, merenzao, brancellao, sousón, e non só. “Temos complexos cos nosos viños, co noso leite, co noso marisco, co noso peixe”, continúa a súa explicación, nun español pretendidamente castizo, como a tentar escurecer un outro complexo que el non incluíu na listaxe. Moi a seguir, infografías e mapas na súa apresentación audiovisual. Riberas del Miño, Riberas del Sil, emprega para identificar dúas das subzonas da denominación de orixe. Previamente, a localización das terras amparadas polo consello regulador fixérase a partir dun mapa da Península para as pór nunha pouco fundamentada relación con outras do Estado. Mentres, as portuguesas, con algunha das cales partillan viticultura heroica e xeomorfoloxía característica, nen aparecen no mapa do país viciño, sombreado a gris.

“O río encorado ten aquí unha profundidade duns trinta e seis metros”, comenta a guía do catamarán, tamén en español, “e as mellores ribeiras ficaron asolagadas por este grande encoro, que chegou a ser o maior de toda España”. “A partir daquela”, prosegue, “a natureza continuou a traballar e a vexetación invadiu case toda a ladeira ourensá e parte da luguesa. Aos poucos comezou a se recuperar”. “Nesta foto da viaxe da estadounidense Ruth Matilda á Galiza en 1924”, acrecentara o adegueiro, “vense os socalcos que agora recuperamos, e tamén os labregos, de camisa branca, fachendosos do seu traballo”.

Entre frase e frase, o visitante visualiza mentalmente o asolagamento, o encoro, a miseria, o abandono, as rentas roubadas, as fugas de impostos. O expolio. Os complexos. Mais tamén a vontade de se voltar a erguer.

comentarios