Opinión

A repugnante amargura do cacao

Ao falarmos de insustentabilidade costumamos pensar apenas no quebrado equilibrio ecolóxico ao que o noso planeta está submetido, causado por un sistema económico e de produción baseado nun consumismo alienante. Un sistema predador, que a pasos de xigante alarga a cada hora a fenda entre ricos e pobres, entre o Norte e o Sul, os uns a custa dos outros. Un sistema en permanente crise que cando parece tocar fundo se reinventa, mesmo se disfarza de alternativo, para profundar na desigualdade. Mais que maior insustentabilidade que a dun sistema rateiro, xeneticamente ladrón, que mesmo adoza a exploración máis repugnante, o abuso máis vergoñento, o das crianzas.

Gana e Costa de Marfil son os dous países de maior produción de cacao de todo o mundo. Alí, segundo un estudo da Universidade de Chicago, perto de 43% de todas as crianzas con idade entre 5 e 17 anos que viven nas rexións de cultivo de cacao, máis de 1,5 millóns de nenos e nenas, están envolvidas en traballo infantil perigoso, cun aumento de 13 puntos percentuais nos últimos dez anos. Ese aumento coincide cun crecimento de 62% na produción de cacao neses dous países da África Occidental. E eses traballos perigosos inclúen o uso de ferramentas cortantes, traballo nocturno e exposición a produtos agroquímicos, entre outras actividades nocivas.

Iso si, hai 20 anos, os principais fabricantes de chocolate do mundo comprometéranse a abolir os abusos do traballo infantil –tremenda redundancia– ,flagrante e perigoso, nas súas cadeas de abastecimento, para lavaren a súa imaxe de crueldade. Axiña esqueceron, como fan con todas as súas promesas cativadoras, e voltan a se rir á nosa cara ao afirmaren que acabar coa práctica ilegal continúa sendo a súa principal preocupación. E a pesar de as grandes marcas como Nestlé ou Mars asinaren un acordo e declararen que o traballo infantil non existe na produción de cacao, a mesma Corte Suprema dos Estados Unidos está a exercer unha acción xudicial que evidencia que os xigantes transnacionais da produción de chocolate estanse a lucrar dos abusos contra as crianzas.

Ao comprarmos unha barra de chocolate, ou vermos ou ouvirmos a publicidade enganosa do produto, os voitres cégannos coa etiqueta da “sustentabilidade”, mais o aumento do traballo infantil demonstra a hipócrita falsidade. Sustentabilidade é para o seu negocio explotador baseado nunha repugnante amargura. A pesar de quereren adozar o cacao.

Comentarios