Opinión

Regreso ás aulas a custe cero

Ao comezo foi o #FicaNaCasa. As persoas obedeceron e confináronse. Foron semanas duras e incertas nas que soñamos outro mundo posíbel e confiamos en que quen tiña a batuta tiraría conclusións e viraría rumos errados. Comprobamos como tras anos de cortes após cortes nos servizos públicos, quer no sistema de saúde quer no da atención e coidados quer no educativo, a situación xa non daba máis de si. Escaseza de materiais básicos, incapacidade para situacións de alerta extrema, postos de traballo precarizados, ilusión dunhas aulas “tecnoloxizadas” e preparadas para os novos tempos.

A estratexia desde o primeiro momento, a diferenza do feito noutras latitudes con resultados ótimos, non foi a de ir polo virus, a atacalo, mais a de deixar que viñese a por nós. Cando non ficou máis remedio tivemos que nos fechar. E alí estiveron, cumpre non esquecer, heroes e heroínas na primeira liña de combate: nos hospitais, nos quirófanos, nas residencias da terceira idade, nos supermercados, nas farmacias e en todas as actividades básicas e indispensábeis. Mentres, moitos políticos irresponsábeis facían demagoxia a conta do mal. A mentira andaba e anda barata.

Chegou o verán e, de súpeto, a mensaxe foi a de que xa todo tiña pasado. Abríronse parques, aeroportos, fronteiras, discotecas, praias. E as persoas, de novo, obedeceron. Todo finalizara. Todo tiña sido un pesadelo. Todo se esquecera. Mesmo procurar solucións. Para a saúde, para as atencións e coidados, para o ensino. Ausencia total de planificación e como consecuencia unha abraiante improvisación.

Toca xa regresar ás aulas. Parece haber consenso en que nas idades temperás é prioritaria a presencialidade, e en que a transmisión e contaxio entre a rapazada puidesen ser baixas. Mais non existe o mesmo consenso en que o regreso vaia ser seguro. Nen nais e pais, nen profesorado, nen equipas directivas comungan con rodas de moíño. Durante todos estes meses houbo pouco máis que neglixencia, desleixo, desprezo e imposición.

E de aqueles pos, estas lamas. Agora que se reabren escolas infantís, de ensino primario e secundario, de formación profesional, escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, escolas de artes e deseño, de arte dramática ou centros de ensinanzas deportivas, espállase o temor, a preocupación, a incerteza. E meten todas elas dentro do mesmo saco da incompetencia e a teima da volta a custe cero, como se nada tivese acontecido.

Comentarios