Opinión

Racismo galegofóbico

A Acnur, Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas, categorizou o racismo en catro tipos. Todos eles teñen os seus matices e a súa gradación, quer na coordenada espacial quer na temporaria, ben como na do grupo que o exerce: o racismo biolóxico (característico da ideoloxía nazi), o racismo simbólico (que aposta na segregación cultural entre distintos grupos), o racismo aversivo (que se manifesta mediante a distancia, falta de empatía ou frieza) e o racismo etnocentrista, o “baseado na superioridade cultural do propio grupo”, que “asume que outros grupos diferentes representan unha ameaza cultural”. Segundo a Acnur, “o rexeitamento de costumes, crenzas, comportamentos, relixións ou linguas son atitudes recorrentes neste tipo de racismo”.

O racismo, portanto, non se manifesta só contra grupos doutra raza ou doutra cor de pele; é manifestación da imposición e da submisión duns grupos por outros. Non se explica doutra maneira o racismo que historicamente, e mesmo nos tempos presentes, tivemos que aturar o pobo galego. Probas? A mancheas. Desde a mesma Idade Media, cando o proxecto españolista comezou a “doma e castración” do noso país, os ataques racistas teñen sido constantes. A versión galega da Wikipedia fai unha detallada análise na súa entrada sobre a galegofobia, chea de ataques contra nós e moi especialmente contra as mulleres galegas, quer na literatura española (Tirso de Molina, Lope de Vega, Quevedo, Góngora, Larra...) quer no repertorio popular de proverbios español (“Antes moro/puto que gallego”, e outras lindezas).

Logo, o racismo, particularmente o lingüístico, tornouse un dos elementos basilares da ideoloxía españolista e materializouse en diferentes decretos, editos e leis contra, entre outras, a nosa lingua, aguzándose despois durante a ditadura fascista. Mais a restauración borbónica tamén non significou que a galegofobia despareceu até os días atuais. Figuras públicas como Rosa Díez ou Pedro Almodóvar, ou medios de comunicación como El Mundo ou o ABC teimaron nos preconceitos galegófobicos, así como a RAE coas súa definicións de gallego. Xa nos últimos anos, o españolismo supremacista rearmouse nos ataques á nosa lingua e sob a grande mentira da imposición, criou o terreo fértil para instancias públicas e privadas iniciaren un proceso de discriminación, coerción, ataque e guetización do noso idioma. Comprometidos están en non deixar respirar, tamén, a nosa lingua.

Comentarios