Opinión

Presidente/Presidenta

A noite do domingo, algo menos da metade das persoas que votaron fixérono no Partido Popular e en Feixoo para o manter como Presidente da Galiza. Unha aposta que, obviamente, supón que vaia ser presidente de quen o votou e de quen non o fixemos. Esas son as regras da democracia. Por certo, unhas regras que fan que quen non acade a metade máis un dos votos teña unha maioría absoluta de escanos. Un sistema eleitoral onde se lle pon un corretivo á decisión popular, ao deixar sen representación a quen, por número de votos, lle correspondería e dar unha prima ao partido máis votado que non lle deu o eleitorado.

Feixó conseguiu o seu medido e calculado propósito. Trocou o seu reiterado España, España, España —que, por certo, recuperou axiña xa na noite eleitoral— polo seu coñecido lema de campaña. Agochou a súa decidida aposta na privatización dos servizos públicos por tras dunha crítica oportunista e demagóxica ao Goberno español. Apresentou, enfín, unha Galiza trunfante, apoiado nuns medios de comunicación públicos nesgados e manipuladores, e moitos dos privados dopados cos seus subsidios milionarios. Así pois, axudado por unha norma eleitoral feita á medida do bipartidismo, uns medios transmitindo o sinal oficial de forma esmagadora e, todo o hai que dicer, cun maqueado de imaxe de indubidábel éxito propagandístico, agochando por completo as siglas do seu partido, aí o teremos mais unha vez por catro anos, se a súa querida “nación” española non o chama para o que el considera sublimes cometidos.

Mais os resultados deixan tamén a constatación de que a maioría da outra metade de quen votou vimos en Ana Pontón a líder que pode facer posíbel unha nova Galiza. A súa campaña, mais tamén a súa longa traxectoria, acompañada dunha equipa chea de forza e mocidade, certou en oferecer e construír un proxecto alternativo en que albiscar un futuro máis promisor para o noso país. Niso, precisamente, consiste o liderado: ter unha visión clara e sólida, conseguir, de forma empática, próxima e sen estridencias, transmitir a súa coherencia e viabilidade, e lograr ilusionar a unha gran faixa da poboación con ese proxecto. Agora, nun Parlamento que volta a ser a tres, o nacionalismo galego vai ter por diante a gran responsabilidade de liderar a oposición e manter acesa a ilusión que a súa líder prendeu por todo o país, gañando merecidamente a oportunidade de se poder converter nunha futura Presidenta.

Comentarios