luns 01/03/21

Os amigos do golfo

Xa o di o adaxio popular, o amigo leal faiche compaña no ben e no mal. E velaí o noso atribulado Borbón, descabalgado do seu trono e axotado polos escándalos financeiros, e non só, a vagar polo mundo fóra. Primeiro en paradoiro descoñecido, para angustia dos seus vasalos e bufóns máis fieis, e agora xa na boa compaña da irmandade dos petrodólares, dos que tanto gosta. Mentres, na corte e nas colonias, desde os monárquicos de toda a vida aos reconvertidos juancarlistas, hai quen chore por el, ou Señor!, e louve as súas batallas, conquistas e presas.

Mais nen é ouro, nen grandeza, todo o que reloce. O fausto, a pompa e a opulencia dos seus vellos e fieis amigos, de que tamén tanto gosta de se acompañar, agacha e non deixa ver grandes miserias políticas. Esas que, nos confíns do reino, se empregan como arma arreboladiza e como exemplo do mal que hai que combater. E para iso temos ao soberano, mesmo a base de facer calar a quen real e democraticamente representa a soberanía popular, como adaíl de valores supremos. Tamén o demo se meteu a predicador.

O dourado exilio do fuxido emérito dirixiuse a unha federación de sete emirados, con cadanseu monarca absolutista, cun califa á frente. O Borbón ten especial afección polo príncipe herdeiro do emirado de Abu Dabi, o xeque Mohamed Bin Zayed, con quen partilla tamén a afección polas corridas dos Fórmula1. Nunha delas tivo a oportunidade de saudar Mohamed Bin Salman, outro real herdeiro, o da Arabia Saudita, a quen se lle atribúe a orde do asasinato e escuartexamento do xornalista Jamal Khashoggi.

Naquelas paraxes, a democracia non ten unha grande querenza e as eleicións, as votacións populares ou os referendos non aparecen nen sequer como oasis no medio do deserto. Para que, co fácil que é o sistema feudal da herdanza. Aos activistas e aos tuiteiros que ousan criticar ou facer chacota do monarca, tamén alí, van dar cos seus ósos directamente á cadea, moitas veces isolados e torturados, como ten denunciado a Amnistía Internacional. No país das grandes mesquitas e das altas torres, levantadas por emigrantes escravizados, é un inferno para a liberdade das mulleres. A violencia machista está consagrada pola lei e considerada como un exercicio dos dereitos que ten o home, en canto esposo, ao que elas lles deben “respeitosa obediencia”, e a homosexualidade punida con máis de 14 anos de cárcere.

E alí, rodeado por tiranos feudais, descansa o Señor.

comentarios