Opinión

O retorno da morte

Xa hai máis de trinta anos, o catedrático de Antropoloxía da USC Marcial Gondar, un dos grandes especialistas sobre a morte na cultura galega, publicaba o que foi a mellor actualización sobre o tema, Romeiros do alén. Naquela altura, a desaparición da cultura popular asociada ao mundo rural galego estaba xa no seu declinio definitivo. Porén, aínda se podían contemplar varias das prácticas asociadas ao rito da morte e, sobre todo, aínda existían persoas informantes. No estudo retrátase acaidamente como a nosa cultura tradicional non lle puña venda ningunha á morte, que se concibía como un proceso natural, lóxico, que formaba parte do ciclo natural.

Pasados xa tres lustros, o mesmo autor, nunha intervención pública, testemuñaba a grande mudanza que se producira nos anos a seguir, onde os ritos tradicionais foran substituídos polo que el chamaba “a alternativa avestruz”: fronte ao medo, ansiedade e angustia que produz a morte, a sociedade contemporánea fixo desaparecer todos os seus sinais como podían ser o loito, os velorios dentro das casas, que funcionaban como verdadeiras terapias de acompañamento colectivo, ou os prantos da mañá posterior, a través das xanelas, a modo de psicoanálise. Os ritos da modernidade simplificáranse, privatizáranse, disimuláranse ou mesmo desapareceran, como practicamente está a acontecer en tempos de pandemia. Fronte á integración da morte no ciclo da vida onde, dalgunha maneira, as persoas vivas eran incompletas sen a morte, onde vida e morte eran interdependentes, o suxeito moderno, alienado do medio natural e da colectividade, tentou esquecer e ocultar ese proceso. A morte pasou a ser un tema tabú, molesto, do que ninguén quería falar. E, a pasos axigantados, os mortos deixaron de existir, expulsámolos do grupo dos vivos, da intimidade doméstica familiar e situámolos lonxe, xa desde a agonía, nos hospitais e, despois, nos tanatorios. 

Mais o advenimento do mundo dixital está a provocar unha reactualización da morte, por medio dunha nova socialización, através de telemóbeis, chats ou redes sociais, onde se partillan comentarios, emoticones e incluso videos e cancións. E mesmo dos ciberfunerais, cibermemoriais, cibercemiterios ou, o último grito, das contas de Facebook “in memoriam” como velorios virtuais e perpetuos. Agora xa non se oculta a morte, exhíbese publicamente. Os mortos retornan así, de forma dixital, ao mundo dos vivos. Un novo signo do tempos.

Comentarios