Opinión

Mordazas

A da Lei, muito de actualidade estes días, é só un exemplo das mordazas que crian os aparatos do Estado para manteren o seu status quo e os privilexios da elite monopolística, o cal non é un conceito conspiranoico. O profesor Santos Castroviejo xa retratara, por medio de investigacións científicas, o grupo do poder económico español: tan só unhas 1.400 persoas, o 0’035% da poboación, que controlan a maior parte dos recursos. Iso, hai uns dez nos. Podemos imaxinar que a cousa non foi a mellor, mais piorou.  

A imaxe icónica daquel momento fora a foto de Zapatero cos representantes das empresas do IBEX 35 e cos principais banqueiros españois. Alí na mesa presidencial, escoltado polo presidente da Telefónica e do Banco Santander, o ex presidente comprometeuse a pisar o acelerador e meter o tallo ao sistema de pensións ou desmantelar a pouca banca pública que restaba, entre ela a das nosas caixas de aforro, para lla regalar a esoutros a prezos de saldo. Sánchez está a ser un bocado máis coidadoso, pois agora esas reunións, en exclusiva, non son públicas, mais existen. Xa sabemos as graves consecuencias que esa combinación de elites económicas e extractivas teñen para nós: expropiación e espolio. Dos nosos aforros, dos nosos recursos naturais e humanos, da nosa forza de traballo, do noso talento, dos nosos impostos. Da nosa dignidade.

Para facelo teñen que contar con medios. Entre eles, as mordazas. Impediren e reprimiren a contestación, de forma selectiva, fica claro. Mallar en quen defende a legalidade lingüística, como sucedeu hai ben pouco na Toxa, ou os seus dereitos sociais e laborais, como tantas veces leva acontecido, e facer a vista gorda cando a extrema dereita proclama abertamente palabras de orde fascista, racista, machista, e tantas outras. Por algo aparecen agora de brazo dado nesas paramilitares mobilizacións e partillan filiación ideolóxica, política e mesmo sindical.

Pasma, porén, o nulo contraste de información na inmensa maioría dos medios de comunicación, que fan ecoar o protesto dos defensores das elites e parecen esquecer que, fronte a esas minorías poderosas, hai maiorías sociais que denunciaron, e continúan a o facer, as mordazas, a desa lei incluída. A que, en palabras de organismos internacionais, vulnera as liberdades civís e os dereitos fundamentais e que, en definitiva, se pon ao servizo desas elites económicas e extractivas para perpetuaren os seus privilexios.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios