Opinión

Minaría e ‘greenwashing’ europeu

Xa estamos acostumados a que as empresas que máis polúen o noso ambiente se dean un bon baño verde mediante poderosas campañas de márketing para maquillaren, diante a opinión pública, a súa verdadeira faciana predadora e contaminante. Máis descaro na apropriación do ambientalismo é difícil de encontrar, embora sexa xa unha constante nestes tempos de ecocapitalismo. E, como non, a Unión Europea, como alumna avantaxada, non podía ficar para atrás. Porque detrás de todos os voraces megaproxectos, sexan eólicos mineiros ou hidráulicos, que na actualidade ameazan o noso medio ambiente e porfían en nos asignar un status colonial, está a carreira europea pola “súa” autosuficiencia enerxética.

O caso da minaría é ben paradigmático. É doado pintala de verde, fechando explotacións de carbón, onde xa non fica muito que tirar e o investimento é caro. Mais como alternativa ofrécennos outras minas, agora de litio, a ceu aberto e máis lucrativas. Como a do proxecto que aínda paira sobre as comarcas do Carballiño, Ribeiro, Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes. Minas aquí para produciren baterías fóra. A loita polo control dese mineral xa comezou e, noutras latitudes, caso da Bolivia, mesmo fixo abanar os poderes democráticos. Desta beira do Atlántico conta con tramitacións exprés, o financiamento da Unión Europea e a promesa de empregos nestes momentos críticos.

Chámanlle Pacto Verde á transición para a mobilidade eléctrica e a dixitalización e ten por obxectivo reducir as emisións de dióxido de carbono en tempo récord. Até aquí, todo ben. Mais o verde vira castaño escuro a pouco que rañemos. A solución, máis minaría e continuar a ter un crecimento insustentábel coa desculpa malintencionada das baterías para os carros eléctricos, que requiren un importante aumento de enerxía, máis pontos de carga do que postos de gasolina, grandes armacenamentos de electricidade e un enorme gasto enerxético.

O rico Norte está moi interesado nunha visión estreita e restricta do compromiso climático. Evitar a “súa”catástrofe ecolóxica mais, é claro, sen poren en solfa o modelo económico que embandeiran e que tantos gaños lles achega. Para nós fican os danos, perdas e prexuízos xa coñecidos: destruición ambiental e da economía produtiva agraria, despoboamento rural e, como colofón, deslocalización fiscal. Expolio dos nosos recursos como receita para a pillaxe. Porén, que non conten con deixarmos de pintar a cana verde.

Comentarios